Os misterios do bosque

Os nenos e nenas de primaria do Miiladoiro, acompañadas das súas monitoras coñecemos durante estes días a importancia de estar en contacto coa natureza, de formar parte dela, sentindo todos os seus cambios e transformacións que moitas veces pasan desapercibidos.

Nas nosas rutas polo bosque de Ventín atopamos recunchos que agochaban moita vida. Moitos dos nosos descubrimentos foron a cegas. Entre todas e todos xogamos a pechar os ollos e deixar que o grupo nos guiara para tocar ou ulir as árbores, follas e plantas que nos rodeaban, tendo despois que adiviñar que era, pasando a percibir a carballeira dunha forma totalmente diferente.

Ademais, parámonos a escoitar o silencio no medio da Carballeira. Ó principio escoitábanse voces de fondo de nenas e nenos, pero había moito máis que descubrir! Os paxaros cantaban, o vento acariciábanos e o tren acababa de pasar. Decatámonos de todo o que moitas veces o ruído nos oculta, e aprendimos que se conectamos coa natureza, os nosos sentidos vólvense máis sensibles co mundo exterior.

Para non esquecer todas estas aprendizaxes, que mellor que facer coas nosas propias mans unha libreta onde poidamos recoller todas as diferentes árbores, plantas e animais que imos descubrindo.

Para acabar, celebramos o inicio da primavera cun máxico ritual, deixando voar a nosa creatividade, aventurámonos no monte ata atopar un bosque secreto onde puidemos construír unha gran flor que significara o rexurdir da alegría desta nova época.

 

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>