Entroido 2019

Entroido significa, a volta ó mundo do revés, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles.  O entroido represéntase cun boneco feito de palla, vestido de roupa de traballo e cara de trapo. Cólgase dun sitio alto que domine dalgunha forma a reunión da veciñanza. E desde este punto de vista de reunión imos celebrar o noso entroido e  entre todos e todas crearemos o noso boneco de entroido que nos acompañará nas veladas que se levarán a cabo cada día.

Durante os tres días das vacacións de Entroido imos festexar veladas de carácter festivo con contidos literarios e música arredor do entroido, co obxectivo de poñer en valor o valioso patrimonio oral, literario e musical galego.

Como toda festa tradicional mantén unha cultura oral rica e moi diversa, tanto en cantigas e refráns, como en adiviñas ou regueifas, cancións interpretadas a xeito de rap con propósito de denuncia social nas que se usa o humor e a ironía para comentar a actualidade. As monitoras e monitores disfrazaranse e interpretarán mostras desta cultura popular arredor dunha velada que se celebrará cada día.

Ao mesmo tempo, os nenos e nenas participantes van ter que crear e organizar a súa composición propia deixándose levar pola súa imaxinación a través do traballo en equipo que representarán o último día do entroido lúdico.

Así, en liñas xerais, levaranse a cabo actividades coa finalidade de que as nenas e nenos:

  • Coñezan e participen en festas, tradicións e costumes do seu contorno, gozando e valorándoas como manifestacións culturais.
  • Descubran as peculiaridades da festa do entroido a través da tradición oral.
  • Manifesten interese por compartir cos compañeiros/as e monitoras/es sentimentos de alegría e gozo ante situacións lúdicas como disfrazarse, maquillarse, bailar e as súas posibilidades expresivas.
  • Participen entre todos e todas no transcurso das actividades, tomando progresivamente en consideración aos outros.

Trátase de que os nenos e nenas coñezan e participen desta festa dunha forma activa e alegre, ao tempo que se traballa a tolerancia e a igualdade de sexos espertando a súa ilusión e favorecendo o desenvolvemento da imaxinación con personaxes que provoquen situacións divertidas e curiosas a través de veladas compartidas cos compañeiros e compañeiras, ademais dos monitores e monitoras.