Entroido 2020

As representacións tradicionais do entroido foron conservadas principalmente nos contextos rurais onde o sentido de pertenza á comunidade, ruptura das normas e valores tradicionais, crítica á sociedade etc. eran a tónica habitual desta festividade. Dentro disto, non era estraño ver homes vestidos de mulleres e mulleres vestidas de homes rachando cos roles tradicionais mantidos ao longo o ano e poñéndose no lugar do outro.

A día de hoxe, nun contexto máis urbano, a celebración foi adaptándose aos costumes e tradicións máis globalizados onde o importante é o sentido estético, o disfrace, o consumismo etc. deixando de lado todas estas actividades tradicionais. Nesta actualización da festa, existen dúas consecuencias directas: a marcaxe de xénero das vestimentas e o aumento do consumo descontrolado e irrespectuoso co medioambiente.

Neste lúdico “Entroido en Igualdade” queremos enfrontarnos a esta realidade a través da reflexión sobre a cuestión do xénero e do consumo nestas datas. No primeiro dos casos, atopamos que na publicidade, nos catálogos, nas tendas… os disfraces que se ofrecen á infancia marcan claramente un carácter sexista: disfraces para nenos e disfraces para nenas. A través da publicidade e catálogos de disfraces faremos dinámicas para reflexionar sobre esta cuestión e aportar ideas de disfraces que poidan ser usados por nenos e nenas de maneira similar.

Trataremos de afrontar o consumo irresponsable elaborando os nosos propios disfraces con elementos que poidamos ter nas nosas propias casas e reutilizando elementos do día a día: gorros, máscaras, coroas, vestidos… dando a coñecer unha alternativa para celebrar estas datas dunha forma máis responsable.