Primavera 2019

Este luns día 15 de abril chega o esperado programa “Got Talent Ames: Tes Talento”, concurso que busca promesas en distintas disciplinas artísticas como o baile, a maxia, o humor, o canto, a poesía, etc, entre os nenos e nenas que participarán na primavera lúdica 2019.

Será unha oportunidade para que os nenos e nenas coñezan e desenvolvan habilidades e potencialidades, dun xeito lúdico e relaxado  que mostrarán o último día do lúdico a través dunha actuación de poesía, de maxia, de danza urbana, un espectáculo de fusión de distintos estilos de música, etc.

A través de diferentes dinámicas e obradoiros potenciarase a creatividade a través de creacións individuais e creacións grupais onde se traballará a autoestima, a comunicación, a cooperación e a tolerancia co fin de ter en conta e respectar os diferentes aportes dos nenos e nenas que verán un produto final que reflicta o traballo en equipo. Estas actividades están pensadas como preparación da presentación final da súa actuación final.no programa “Tes talento”.

ACTIVIDADES

A través de diferentes actividades tentarase fomentar nos nenos e nenas a autonomía, a confianza en se mesmos, a toma de conciencia e a confianza nas súas posibilidades.

Cada actividade proposta adaptarase ás características do grupo, tanto polas súas idades como polas súas condicións particulares como son o nivel de participación, gustos e motivación, etc. Así, levaranse a cabo actividades, como por exemplo:

  • Mural colectivo: onde os nenos e nenas van a reflectir os seus nomes e as súas calidades, a través de debuxos e textos, que quedará exposto durante todo o lúdico como obra gráfica do grupo que vai a compartir estes días.
  • Arte colectivo:serán grandes esculturas feitas en grupos, onde se propoñerán desafíos a resolver, como por exemplo a máis estable, a máis alta, a máis creativa, etc
  • Xogos de  comunicación: agora imos máis alá, aprender a expresarse, a comunicarse con tódolos sentidos, a través de dinámicas, tales como; nós humanos; nenos e nenas buxainas, etc.
  • Grandes xogos: Estes xogos aínda que os propoñemos por equipos fomentarán a cooperación sen competitividade, para o cal non vai a ser prioritario gañar, senón a creatividade, o traballo como equipos, a correcta realización das probas e o gozo na participación.

E así chégase o último día a actuación final, no programa “Got Talent Ames: Tes talento” que  será a culminación da primavera lúdica 2019, na cal os nenos e nenas escollerán libremente a actividade a realizar, que será preparada e presentada o último día.

Poderán participar en grupo ou de forma individual e animarase aos nenos e nenas para que presenten as súas habilidades:

  • Canto
  • Baile
  • Maxia
  • Chistes
  • Experimentos
  • Poesía
  • Malabares
  • Adiviñas
  • Trabalinguas
  • Deportes
  • Curiosidades
  • E o que poida xurdir dos nenos e nenas.

 

Será unha representación na que os nenos e nenas SERÁN OS PROTAGONISTAS. A función dos monitores e monitoras será a de apoiar e colaborar no que os nenos e nenas soliciten, intentando que esta presentación sexa totalmente produto do que eles queiran.

Deixarase que os nenos e nenas se expresen libremente. A idea é que bailen, canten, amosen habilidades “especiais”, cousas que lles gusta facer … Haberá premios en diferentes categorías, por exemplo: premios a orixinalidade, a diversión, a elegancia …

Os nenos e nenas gozarán das propias presentacións como as dos seus compañeiros e compañeiras.