Primavera Lúdica 2021

PRIMAVERA CHEA DE FLORES

Convivimos nun mundo vivo, en constante cambio. Vemos como as árbores e plantas perden as súas follas e parecen  case morrer no outono e inverno para ver como volven á vida con forzas renovadas cada primavera.

Este ciclo vital prodúcese ano tras ano diante nosa e, aínda que non dedicamos tempo para observalo con detemento, estes cambios non nos son alleos. Os cambios de estación e o clima aféctanos enormemente no noso ánimo. Así, tradicionalmente, o inverno está asociado con emocións como a tristeza, introspección, reflexión. Pola contra, a primavera asociámola co amor, a alegría, a curiosidade…

Segundo a investigadora Sherri Melrose, da Universidade de Athabasca (Canadá), en todos estes cambios a exposición á luz solar ten moito que ver. Por isto, no outono e inverno, cando sae o sol máis tarde e faise de noite antes, pódense producir moitos cambios a nivel hormonal e neurotransmisores.

  • Podemos experimentar cambios de humor, desesperanza, irritabilidade, diminución da libido…
  • Tamén se poden presentar síntomas vexetativos como aumento de peso e apetito, rexeitamento interpersoal ou hipersomnia (durmir máis do habitual)

 

Pola contra, no verán, a exposición solar aumenta a nosa serotonina provocando un abandono dos sentimentos negativos e producindo unha sensación de enerxía e positividade.

Nas lendas e tradicións, relaciónase a primavera coa infancia, o inicio da vida. Vemos como as flores comezan a encher os nosos campos e as follas comezan a abrollar nas árbores.

 

Por este motivo, dedicaremos este lúdico de primavera a observar os cambios que se están a producir na nosa contorna, como a natureza nos afecta animicamente e que podemos facer para axudala, respectala e acompañala nos seus cambios.

Comezaremos creando un gran mural das emocións onde cada neno e nena creará un debuxo expresando a emoción que sinte en cada unha das estacións do ano e pegándoa neste mural despois de explicar aos seu compañeiros e compañeiras por que escolleu eses sentimentos.

A continuación elaboraremos o noso álbum de plantas e árbores, divididos en pequenos grupos, observaremos unha ou varias árbores ou plantas do noso centro e trataremos de identificala e de representar como cambia ao longo do ano o seu aspecto mediante debuxos.

Así mesmo, faremos un Calendario moi especial: O calendario de observación natural. Neste lugar identificaranse os pequenos cambios que se producen a diario no clima: Exposición solar, formas das nubes, sensación térmica, fenómenos naturais, sons… e tamén, cal é a emoción que cada un sente nese momento. Este peculiar calendario terá o seu protagonismo cada día ao comezo e ao final do día rexistrando estes cambios que pasan inadvertidos diariamente. O último día os nenos e nenas poderán ver como foi evolucionando diariamente o clima e como influíu no noso comportamento.

Como esta época tamén é moi importante para os pequenos insectos que teñen un papel fundamental na vida do Planeta, realizaremos unha observación do seu comportamento. Cada pequeno grupo buscará insectos polo centro e dedicarán un tempo a observar onde viven, que fan diariamente, como se organizan… e contaranlles aos seus compañeiros todos os seus descubrimentos.

Ademais destas actividades de observación, o programa estará centrado na consciencia propia e autocoñecemento. A través de actividades de Ioga infantil e mindfulness, os nenos e nenas terán tamén unha visión introspectiva de si mesmos tratando de identificar como se senten, ser conscientes do seu corpo e as súas posibilidades…

Promoveranse así mesmo hábitos saudables na alimentación e condición física así como unha actitude responsable co medio natural a través da reflexión da nosa pegada de CO2, residuos das merendas, pegada hídrica, procedencia das nosas prendas de vestir…