Programación Entroido 2021

UN ENTROIDO CON MOITO RITMO

A música é capaz de producir efectos beneficiosos no noso sistema estimulando a creatividade, o pensamento, a linguaxe, a aprendizaxe e a memoria. Ademais, nesta época tan dura, a musicoterapia estase a mostrar como unha ferramenta eficaz para diminuír as secuelas que a COVID-19 deixou na maior parte da poboación. A infancia non foi allea a este impacto emocional e psicolóxico que a pandemia ocasionou, desenvolvendo consecuencias negativas na súa saúde e benestar tanto físico como mental.  Con este afán, dedicaremos este programa a traballar a música e o ritmo desde un punto de vista terapéutico a través de dinámicas divertidas e motivadoras para nenos e nenas.

A música forma parte inherente das nosas vidas como seres humanos. Foi o medio de expresión e comunicación non verbal por excelencia ao longo da historia da humanidade. Neste caso, centrarémonos na música a través dos seus efectos beneficiosos no sistema sensorial, cognitivo e motor.

Melo, un cazador de melodías, virá presentar unha serie de propostas aos nenos e nenas centradas na educación musical e musicoterapia. Comezará coa Gramola, un xogo de percepción musical que consiste na audición de diferentes estilos musicais mentres, deixándonos inundar polas emocións que nos transmite cada estilo, pintamos nun papel coas cores que nos suxire a música. Compartiremos en grande grupo as impresións e as creacións de cada persoa sacando conclusións de por que pintamos iso e como a música nos influencia a sentir dunha ou outra maneira.

Lanzará propostas rítmicas como ritmos con obxectos cotiás: paus, vasos…, ademais de mostrarlle aos nenos e nenas que nós somos o mellor instrumento que existe coa nosa voz e  a percusión do noso corpo.

Todas as propostas están adaptadas ás actuais normas de prevención da COVID-19 mantendo a distancia de seguridade e realizando a maior parte das actividades no exterior.