Setembro Lúdico

Ames 2050

O 2020 está á volta da esquina. Na literatura de ciencia ficción sempre se imaxinou esta época como unha época escura, robotizada, con vehículos voadores… Imaxinar un futuro ficticio esixe facer unha reflexión sobre o teu presente: a sociedade, a tecnoloxía, os medios de transporte, comunicacións…

Por este motivo, para este setembro lúdico vaise propoñer unha viaxe cara o futuro. Pechar os ollos e deixar voar a nosa imaxinación ao 2050. Como pensan os nenos e nenas que será este futuro? Como será o noso día a día? a tecnoloxía? os nosos problemas? formas de comunicación?

Os nenos e nenas recibirán a visita de Brais e Xiana desde o 2050 e pedirán axuda para vencer diferentes retos que aparecerán neste futuro: desastres medioambientais, masificación das grandes metrópoles, perda de humanidade… todos estes retos converteranse en probas de psicomotricidade, crebacabezas, xogos de pistas…

Ademais finalizará a aventura coa elaboración dun mural colaborativo por grupos para presentar a unha metrópole imaxinaria nun Ames 2050 onde aparezan os elementos: habitantes, edificios, comunicación, principais ameazas, tecnoloxía, comunicación…