Un Nadal de Fantasía

“A literatura oral é algo vivo que medra coa infancia, reactiva a memoria colectiva, forma parte do patrimonio intanxible da humanidade e é un pequeno gran tesouro que depende da vontade de todas para a súa permanencia no tempo” (P. Morote)

A imaxinación é a facultade humana para representar mentalmente sucesos, historias ou imaxes de cousas que non existen na realidade, ou que si existen ou existiron pero non están presentes.

Na actualidade é bastante habitual escoitar a persoas adultas a frase “a infancia de agora non é tan imaxinativa coma a de antes”. Algunhas das causas desta apreciación, poden ser os cambios producidos no estilo de vida da nosa sociedade tales como a redución de actividade física , os cambios na alimentación, a adquisición de xoguetes sofisticados pensando erroneamente que teñen maior potencial educativo que os pouco estruturados; a introdución das novas tecnoloxías sen control, o abandono do contacto coa natureza e dos espazos ao aire libre como forma de experimentación, etc. Factores que limitan a capacidade dos nenos e nenas para poder dar renda solta as súas fantasías.

Sexa como sexa o contorno que nos rodea, parece estar claro que durante a etapa da  infancia maniféstanse características como a espontaneidade, a inocencia, a curiosidade, a capacidade de sorprenderse, o aprecio polo xogo, a vitalidade, etc.; que favorecen unha maior predisposición cara á fantasía e a imaxinación. A educación xoga un papel moi importante neste senso e debe impulsar e nunca reprimir, a experimentación deste tipo de calidades innatas nos nenos e nas nenas, xa que está comprobado que son a base da capacidade para resolver problemas futuros.

Tendo isto en conta, neste Nadal Lúdico intentaremos fomentar un ambiente no que potenciar a creatividade utilizando un dos elementos que nos dará xogo non só para estimular a fantasía senón para coñecer a través da mesma parte da nosa cultura, das nosas tradicións e da nosa identidade: os seres da mitoloxía galega e os seres do nadal.

A través do coñecemento de lendas, de escoitalas, de interpretalas, inventalas e/ou contalas;  acompañarase os e as participantes a afondar nas emocións que nos evocarán os seres fantásticos que aparecen nelas. Así faremos unha viaxe na que intentaremos comprender, reflexionar e xestionar os distintos sentimentos que inflúen no noso día a día, ao mesmo tempo que trataremos de realizar unha busca de solución para problemas concretos e actuais.

Cada día, un ser máxico achegarase ata o Nadal Lúdico para falar sobre quen é, que é o que fai, poderá contar parte da súa historia e formulará algunha misión os nenos e as nenas, para compartir vivencias, axudalo cos seus problemas, etc. Así, por exemplo un día serán visitados por un Tardo ( seres verdes de pequeno tamaño, con moitos dentes e barba que soen provocar terribles pesadelos ás persoas que están durmidas) que lles contará que é coñecido por subirse ao peito das persoas e que lles provoca terribles pesadelos. Os nenos e nenas deberán reflexionar por que os Tardos fan iso? Realmente é a súa intención causar este mal? Que pretenderán? Todos os Tardos teñen os mesmos obxectivos? Haberá que descubrir que ocorre realmente, e para isto reflexionaremos ademais sobre os nosos medos, identificándoos, compartíndoos (se así o desexamos) e buscar como afrontalos.

O primeiro día e para confrontar as noticias negativas que a COVID nos trouxo durante este 2020, falarase da AVELAÍÑA. A lenda di que se te atopas con este insecto similar a unha bolboreta, presaxia bos augurios, sempre e cando sexa de cor branca. Así, realizaranse actividades nas que os nenos e nenas expoñan os seus desexos para que o mundo sexa “un lugar mellor” .

Pasaremos un Nadal rodeados de meigas, ananos, mouras, trasnos… e tamén coñeceremos algunhas das personalidades máis distinguidas do Nadal de distintas partes do mundo. Todos estes seres máxicos acompañaranos nunha viaxe na que a educación emocional estará moi presente ao mesmo tempo que reflexionaremos, axudados por estas criaturas sobre problemas que nos rodean na vida cotiá. Así, por exemplo as fadas servirán de guía para a busca de solucións sobre problemáticas ambientais e a Befana e Babushka farán unha pequena visita na que se reflexionará se os xoguetes teñen xénero.

Ao longo destes nove días pretenderase que os nenos e nenas movan o músculo do cerebro, pero tamén a través de diferentes actividades (xogos predeportivos, busca de tesouros…), que manteñan o corpo activo. En todo o momento terá a prioridade que en todas as propostas non se lles poña límite a súa imaxinación.

Non debemos esquecer o que dicía Albert Einsten “en momentos de crise só a imaxinación é máis importante que o coñecemento”.