Xuño lúdico 2019

PINTANDO OS MUROS!!

Cada vez máis, as expresións artísticas se democratizan e popularizan. Cando na antigüidade a arte era algo exclusivo das clases sociais máis altas, hoxe en día a revolución artística das rúas enche o noso contexto urbano pero tamén os museos. As expresións van desde a pintura, a danza, a música, o deporte… dunha forma inclusiva no que non se fai distinción entre homes e mulleres nin orixe e cultura.

Ao mesmo tempo, moitas destas expresións teñen unha grande influencia foránea desprazando as diferenzas propias de cada lugar ou a súa propia lingua. As diferenzas e particularidades de cada lugar fan que as súas expresións artísticas tamén sexan máis ricas e particulares.

A través desta proposta educativa preténdense descubrir as habilidades artísticas dos nenos e nenas a través das expresións de arte na cultura urbana ao tempo que normalizamos o uso do galego e das nosas propias particularidades dentro deste contexto. Partindo da base de que todos e todas podemos crear arte urbana e aportar algo á nosa sociedade.

Desenvolvemento da actividade:

A través de actividades e dinámicas relacionadas coa arte urbana os nenos e nenas espertarán a curiosidade na contorna que lles rodea, descubrindo ou redescubrindo artistas de arte urbana de Galicia e do mundo, incentivar a imaxinación a través das artes plásticas (dando prioridade á reciclaxe e reutilización), escénicas (traballando a expresión artística e o traballo en equipo) e musicais (expresión corporal e musical). Trataremos de facer entender que todo o que nos rodea pode ser un lenzo en branco no cal podemos crear múltiples tendencias culturais, a rúa é un escenario vivo onde se atopa todo o necesario para crear un mundo moito máis agradable.