Ruta Guitiricense

Este xoves fomos ata o Campo da Feira para facer unha actividade moi especial. En cada rincón da praza estaba situado un cartel que identificaba diferentes lugares emblemáticos do Concello de Guitiriz. En cada un destes espazos as nenas e os nenos do Concilia Vacacións (distribuídos en diferentes grupos) ademais de falar sobre o que sabían destes lugares e coñecer novas características dos mesmos, deberon superar unha proba.

Os lugares escollidos foron:

Os Sete Muíños: De forma cooperativa e só cunha caña, todo o equipo debía pescar os peixes que atoparon. Houbo grupos que lles custou máis pero outros traballaron moi ben en equipo e dominaron a arte da pesca perfectamente.

Buriz: Neste lugar estaba unha pequena vaca de cartón que debían muxir e encher unha botella co “leite” que a vaca proporcionaba. Esta foi unha das probas nas que máis se riron, algúns quedaron un pouco molladiños co estilo que tiñan para muxir.

Cova da serpe: Nesta proba tiñan que adentrarse nunha pequena cova. Descubrimos gracias aos nenos e nenas as diferentes versións que hai sobre a lenda da Cova da Serpe, xa que a maioría deles ofrecía novos detalles sobre a mesma.

Reloxo solar: Aproveitando que estábamos na praza e facía sol, descubrimos a través dunha proba, cómo funcionaba o noso reloxo solar.

Ruta da Auga: Para falar da importancia da nosa Ruta da auga e de manter coidados os nosos ríos, os nenos e nenas tiveron que limpar nun tempo máximo dun minuto, todos os plásticos que estaban ensuciando o “río”. A verdade é que foron moi rápidos nas labores de limpeza.

Ponte de San Alberte: Despois de falar da Ponte de estilo gótico que hai en San Alberte, os nenos e nenas tiveron que superar unha proba de equilibrio e saltos; polo que demostraron as grandes habilidades físicas que posúen.

Por último acercámonos ata a Casa de Díaz Castro no Vilariño. Aquí convertémonos en pequenos poetas e practicamos unhas rimas, e quen o desexou, puido ilustrar os pequenos poemas realizados.

Aínda que acabamos moi cansos porque facía moito sol e non paramos de movernos, foi unha actividade na que disfrutamos moito e puxemos en práctica tanto a parte física, como a imaxinativa e por suposto non faltou o ingrediente máis importante, a cooperación.

 

Leave a Reply

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>