De excursión a San Clodio de Aguiar…

As nosas saídas sempre están relacionadas coa temática que traballamos no campamento, e neste caso non podía ser distinto. Nesta ocasión eleximos un destino moi especial e o que fumos ver e aprender a San Clodio é como darlles un segundo uso aos materiais. Así, puidemos comprobar de primeira man como grazas a imaxinación e a reciclaxe, vaise convertendo un pequeno pobo que poucas persoas identificaban no mapa, nun lugar de gran atractivo turístico, tendo sempre como máxima o respecto pola “vida da aldea” e a natureza.

Xose Ramón, é o autor deste conto, que no verán do 2017 coa axuda dun neno pequeno e de varios veciños comezou a facer as esculturas con materiais reciclados; como plásticos, latas, bidóns, neumáticos ou macetas entre outras cousas. Con todos isos materiais fixo verdadeiras obras de arte e con elas representou un conto. As protagonistas do conto non son outras que unhas formiguiñas feitas cos plásticos do silo e a esas formigas pásalles moitas historias. Unha de elas  conta a da conductora  dun fórmula un que o detén a formiga guardia civil; outra formiga vai as troitas, outra leva o bus de transporte escolar e un longo etcétera. Aparte das formigas tamén hai outros animaliños coma Lucas o aviador, Lurditas a serpe, Tina a xirafa, o pulpo Pol, Pistón o caracol, etc. As cordas, as macetas, son os corpos e os refuxios dos animais… E non podemos esquecernos dunha das cousas que mais lles gusta aos nenos e nenas… unha nave espacial ou un cohete (xa que houbo discusións sobre esto) Alí temos a nosa formiga astronauta esperando por nós!

A cova misteriosa coa pedra máxica, o refuxio do lago, ou o pasadizo segredo, como nomearon as outras das grandes obras de arte, foi outro dos atractivos que máis chamaron a atención aos nosos e ás nosas participantes.

De merendola, ademais do que cada quen levaba, recolleron moras coas que se “puxeron as botas”.

Finalmente, no porquiño Martiño, deixamos o noso cariño… porque queremos que as iniciativas deste tipo, sigan medrando…

As nenas e nenos pasárono xenial, afirmaron gustarlles moito e aprenderon e colleron moitas ideas para facer eles cos materiais reciclados nas súas casas.

A visita foi unha das mellor valoradas, xa que tivo o efecto sorpresa que tanto lles gusta nestas idades, e porque a verdade, o paseo é precioso para calquera idade. Damos un grazas enorme a Xosé Ramón, pola súa amabilidade en todo momento cando contactamos con el, e recomendamos a visita ao cen por cen.

 

Leave a Reply

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>