Arquitectura dos coidados

Hoxe recibimos unha visita moi especial para realizar unha dinámica encaixada nunha das temáticas transversais nas que se centra a programación: a igualdade entre as mulleres e os homes.

A media mañá o Concilia Vacacións abría as portas a Vanesa, unha das rapazas pertencentes a MATERFEM (Maternidades Feministas Galegas); unha asociación formada por mulleres nais de crianzas con idades diversas, que entende a maternidade como feito social, económico e político (alén de íntimo) desde unha perspectiva feminista.

Un dos proxectos levados a cabo pola asociación é “A cidade Coidadora”, no que unha das últimas accións realizadas foi a colaboración coa Clínica das Casas da UDC, para a que elaboraron unha serie de propostas denominándoas “Arquitectura dos coidados”, nas que se fundamenta que o “urbanismo das vilas e a arquitectura das casas non é neutro, senón que o home (adulto, branco, con traballo remunerado, mobilidade e boa saúde e sen responsabilidades domésticas) é o suxeito dos dereitos da cidadanía; e que polo tanto a arquitectura e o urbanismo debería ter presente a perspectiva feminista para dar collida ás diferentes necesidades das persoas que conforman unha comunidade”.

En relación a este proxecto Vanesa propúxonos unha dinámica moi participativa, cun obxectivo básico: dar voz á infancia, onde as crianzas como integrantes da comunidade tiveron que reflexionar sobre urbanismo e arquitectura.

Así, despois dunha breve explicación, Vanesa animou ao grupo do Concilia Vacacións a que imaxinaran como sería a súa “vila ideal”. Para facilitar un pouco este proceso escribimos o que lles gustaría confrontándoo co que non lles gustaría ter. Como vos podedes imaxinar, ideas sobraron… pero tamén fomos moi críticas e recordarmos as nosas saídas nas que nos atopamos beirarrúas nas que non eran adaptadas para todas as persoas, nas que nos costaba cruzar, os recunchos nos que se acumula o lixo, etc.; aspectos que nos disgustan bastante.

Vanesa de “Materfem” xunto ao esquema realizado

Entre todas as propostas que foron saíndo, eleximos aquelas que íamos a intentar plasmar nunha pequena maqueta realizada con material de refugallo. Fixeron equipos e cada un deles elexiu que zona do pobo ía construír.

Maqueta realizada polas participantes do Concilia Vacacións

Aínda que hai que confesar que ao comezo da actividade houbo un grupo que non estaba moi motivado, tamén porque manifestou en varias ocasións que “quen lle ía facer caso a uns nenos coma eles”; no momento en que comezou a fase creativa, comezaron a saír cada vez máis ideas, e volcáronse moito na elaboración das maquetas. Quixeron construír moitas zonas onde a natureza estivera presente, unha praza no pobo no que houbese un escenario para realizar concertos, para poder facer actuacións, para ver espectáculos de diferente índole (baile, monicreques, etc.), xurdeu un centro de investigación para poñer cura a enfermidades como o coronavirus e tamén unha piscina con tobogáns. Ademais crearon a “horta da vila” na que as persoas de Guitiriz que non teñen recursos puideran ir a recoller a colleita, e cousas tan orixinais como colchonetas inchables para poder subirse ao escenario… A imaxinación e a creatividade dan para moito… pero desgraciadamente o tempo do que dispoñíamos non… Moitas participantes pedíronnos continuar nos próximos días pensando en novas melloras para o “Guitiriz ideal”. Como estamos a finais do programa e temos diferentes compromisos que non podemos cambiar, non sabemos se nestes tres días poderemos dar continuidade a esta proposta; pero ao que sí nos comprometemos e a continuar alentando ás nenas e aos nenos para que expresen sempre a súa opinión, para que se unan e fagan forza, para que reflexionen sobre o seu contorno e para que sexan partícipes na vida comunitaria.

Parte da maqueta realizada con material de refugallo

Agradecemos a Materfem que aceptase a proposta de visitarnos e por suposto a Vanesa pola súa disposición, o seu cariño e a súa ilusión. Son moitos os proxectos que están a levar a cabo, polo que vos deixamos o enlace a páxina web por se vos interesa coñecer máis da asociación https://materfeministas.wixsite.com/materfem

Ansíamos que as vindeiras xeracións non precisen poñer as gafas de cor lila, porque xa esté impregnado o mundo desta cor e que se teña en conta tamén as necesidades e os desexos da infancia. A forma de pensar, a forma de afrontar os problemas e de ver as cousas por parte da cativada, está lonxe da nosa perspectiva de adultas. Por eso a súa opinión e a súa participación é tan importante.

 

Leave a Reply

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>