Ruta da auga

Realizamos a última das excursións deste Concilia Vacacións en autobús, e o destino escollido foi Parga; onde fixemos un pequeno tramo da emblemática Ruta da Auga que enlaza as tres fontes de auga medicinais do Concello de Guitiriz (A Fonte de Valdovín en Parga, a Fonte de San Xoán en Lagostelle e a Fonte de Pardiñas ubicada na aldea do mesmo nome)

Así a nosa pequena ruta de sendeirismo comezámola na Fonte de Valdovín, explicando porque se denomina así a Ruta; e puidemos cheirar e probar a auga da Fonte, quen así o quixo.

Ao inicio do paseo enchimos a barrigola de moras para coller enerxías para a camiñata e gozamos da paisaxe rodeadas do río Parga. Falamos da vexetación, observamos diferentes animais e tamén pegadas de cabalos. Fomos ao noso ritmo, amodiño, tendo coidado, observando e ulindo…

Ao final do noso percorrido, despois de camiñar sobre un quilómetro e medio, acollíanos a Carballeira de Parga para desfrutar da merecida merendola e ao rematar; poder xogar libremente, co que a natureza e a compañía nos inspirara.

Mencionamos que nesta paraxe durante o mes de setembro se celebra o Parga Festival Rock (recentemente cancelado a causa da COVID 19) e repartimos pegatinas que Verónica (a presidenta da organización do festival) nos agasallara durante a súa visita ao programa. Dende aquí mandamos un forte abrazo a toda a organización, moito ánimo e moito rock!!

 

Leave a Reply

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>