A canción de CARDIO

Tiñamos moitísimas ganas de escribir este post; e por fin, chegou o día. Estamos moi ilusionadas de compartir unha das actividades que se prolongou ao longo das tres quendas e que en tres minutos lle quere dar sentido a todo o que se realizou no programa… Contámosvos!!

Como sabedes, Cardio, a nosa icona neste mes e medio, respondía aos piares fundamentais da nosa programación: emoción, vida, natureza e ritmo. Pero ademais representa a importancia dos nosos servizos públicos, que como se veu reflectido durante o confinamento, foron de vital relevancia para saír desta anómala situación. A campaña “Pinto un corazón verde” creada pola plataforma #PlanDeChoqueSocial, composta por varias organizacións entre as que destaca “Ecoloxistas en Acción”, usou un corazón verde para a súa petición.

A través desta campaña ocurréusenos que podíamos crear a nosa canción imitando esta fermosa iniciativa. Así que os nenos e nenas participantes na primeira quenda crearon parte da letra da canción (xa que outra parte foi copiada da iniciativa anterior e o retrouso imitou á canción “Tengo el corazón contento”, popularizada por Marisol) Nesta letra recóllense reivindicacións e temáticas que estivemos tratando no Concilia Vacacións. Durante a primeira quenda tamén, gravamos a canción (na que podedes comprobar que temos as gorxas igual de pouco afinadas que a vergoña) 🤣 Unha vez que tivemos a base da canción… comezamos ca fase da gravación do video. Nesta fase participaron todas as crianzas e as dúas monitoras; e foi gravado no Ceip Lagostelle, na Área Recreativa do Cecedo, na Área Recreativa de San Xoán, en Parga, nos Sete Muíños e nalgunha rúa de Guitiriz.

Compartimos o vídeo que deu orixe a idea desta actividade:

Pois o noso vídeo xa está feito e mañá estrearase en sesión privada para parte dos nenos e nenas que o realizaron… Na fin de semana compartirémolo coas familias… É un video sinxelo, simpático e que ao mesmo tempo reflexa a importancia dos coidados (a todos os niveis), do público e das ganas que ten a infancia de compartir.

Para que vos vaiades facendo unha idea… deixámovos aquí escrita a letra!!

Cardio: Corazón Verde

O corazón é verde como un monte, e o monte late como un corazón. Necesitamos coidalo e coidarnos, facer exercicio, unha boa alimentación.

Queremos abrazarnos, todas xuntas xogar. Queremos ir ao parque e nas rúas berrar.

Temos que coidar a quen nos coida, a quen cura, a quen limpa, a quen fai a comida. Por eso necesitas máis recursos, traballos esenciais que sosteñen a vida.

Quero un corazón contento, un corazón contento, cheo de alegría. Quero xogar cas amigas sen a distancia de seguridade. Quero poder ir ao cole e todas xuntas imaxinar…

Deixámosvos co mel nos beizos…

 

Leave a Reply

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>