Concilia Vacacións 2020

Durante o verán do 2020 traballarase a través dos seguintes centros de interese:

  • 2ª quincena de xullo: ATÓPASTE BEN, CARDIO? (A SAÚDE)

Cardio ensinará aos nenos e nenas a importancia de manter unha vida sa e activa ademais de identificar e controlar as súas emocións.

Centro de interese: A saúde, a hixiene, identificación das emocións.

  • 1ª quincena de agosto: AXÚDASNOS A MELLORAR, CARDIO? (NATUREZA)

Cardio ensinará aos nenos e nenas o importante que é transformar a noso modo de vida actual: redución de residuos, emisións de gases de efecto invernadoiro, solidariedade…

Cento de interese: Educación ambiental, control das emocións, solidariedade.

  • 2ª quincena de agosto: SEGUE O RITMO, CARDIO!! (MÚSICA)

Nesta quincena a nosa mascota traerá propostas divertidas que afondarán na visión da música como unha arma terapéutica fronte ao estrés diminuíndo a ansiedade e elevando a autoestima.

Centro de interese: A musicoterapia, a expresión corporal, as emocións a través da música.

Organización espacial e cronograma diario

Debido ás circunstancias especiais da alerta sanitaria, a localización da actividade está pendente de confirmar aínda que como vén sendo habitual nos últimos anos, contamos con poder empregar, baixo as pertinentes medidas hixiénicas, os diferentes espazos municipais cedidos polo concello de Guitiriz para realizar as actividades. A idea é escoller aquel espazo que mellor se adapte a cada unha das actividades propostas nesta programación tendo en conta sempre a comodidade de usuarios e usuarias do servizo, as familias e as medidas de seguridades.

O horario principal do programa é de 10 a 14 horas de luns a venres. As familias que o precisen poderán tamén solicitar o horario madrugador a partir das 8:30.

A distribución horaria principal que faremos será:

08:30 a 10:00Madrugadores
10:00 a 10:30  Asemblea de convivencia  
10:30 a 11:20Actividade da programación I
11:20 a 11:50Merenda e xogos de distensión
11:50 a 13:00Actividade da programación II
13:00 a 13:50  Actividade da programación III Recunchos Educativos  
13:50 a 14:00Canción de despedida

Concilia con sentido

Cardio, un  pequeno corazón curioso e inquedo, será a mascota que acompañe aos nenos e nenas neste verán. A escolla deste símbolo responde aos tres piares que describen esta programación: as emocións, a vida e o ritmo. Tamén a escolla desta icona vén representar a importancia dos nosos servizos públicos da saúde que, como se veu reflectido nestas últimas semanas, foron de vital relevancia para saír desta anómala situación. A campaña “Pinto un corazón verde” creada pola plataforma #PlanDeChoqueSocial, composta por varias organizacións entre as que destaca “Ecoloxistas en Acción”, usou un corazón verde para esixir unha sanidade pública, universal e de calidade.

Recollendo a mensaxe desta campaña, realizaremos un vídeo onde os nenos e nenas do campamento crearán unha letra propia coas súas reivindicacións de cambio sobre a coñecida música “Tengo el corazón contento” popularizada por Marisol. Nela participarán os nenos e nenas de cada unha das quendas que se irá gravando en cada unha das quincenas.

O programa deste ano pretende centrarse en dotar á infancia das ferramentas socioemocionais para afrontar esta situación cunha actitude de respecto ás diferenzas, coeducativa, solidaria, saudable e consciente do seu papel na preservación do noso ecosistema para asegurar un futuro de benestar onde non se deixe a ninguén atrás. Baixo a premisa “coñecer para conservar” pretendemos que os nenos e nenas do programa entendan como funciona o seu contorno máis achegado: a sociedade, o agro, a economía… para poñer en valor a súa realidade máis próxima a través da visita de representantes do tecido socioeconómico do concello e as visitas ás diferentes contornas naturais que forman parte da Reserva da Biosfera do Terras do Miño e da Rede Natura 2000.