ConciliaVacacións 2019

Durante o verán do 2019 traballarase a través dos seguintes centros de interese:

  • 1ª quincena de xullo: SABES O QUE COMES, MIÑOCA?

Centro de interese: Os alimentos, grupos de alimentos e superalimentos

  • 2ª quincena de xullo: E TI, ONDE COMPRAS MIÑOCA?

Centro de interese: Consumo responsable, orixe e etiquetaxe dos alimentos

  • 1ª quincena de agosto: NON TE PASES, MIÑOCA

Cento de interese: A saúde, azucres engadidos e naturalmente presentes

  • 2ª quincena de agosto: MANS Á MASA, MIÑOCA!

Centro de interese: Desperdicio alimentario, residuos e cociña do mundo

O obxectivo principal deste proxecto é dar continuidade á programación levada a cabo o verán pasado onde os nenos e nenas descubriron o medio natural e a necesidade de preservalo mediante accións como a redución do lixo, a compostaxe de materia orgánica, as diferentes formas de lecer que a natureza nos ofrece…

A Miñoca será a mascota que acompañe aos nenos e nenas todo o verán, a miñoca supón o símbolo do compost, elemento fundamental para o bo funcionamento das terras de cultivos e tamén para o tratamento dos residuos orgánicos. 

Por este motivo, será unha miñoca creada con elementos de refugallo a que presente algunhas das actividades da programación creando un vínculo cos nenos e nenas. As actividades que presentará esta personaxe aos nenos e nenas serán aquelas relacionadas coa reutilización e reciclaxe de materiais ademais de hábitos saudables ou relacionados coa alimentación.

Este ano, ademais de continuar a poñer o foco sobre a necesidade de ter unhas condutas respectuosas cara ao medio natural, centrarase na boa alimentación e os hábitos saudables sen deixar de lado á industria alimenticia e o seu impacto tanto no medio ambiente coma na nosa sociedade, en concreto na poboación infantil.

A realización de dinámicas coeducativas e de fomento da igualdade de xénero non deben ser unha actividade puntual, polo tanto, estarán presentes en todos os proxectos dunha maneira transversal. Ademais calquera xogo pode ser o escenario perfecto para practicar a igualdade, de maneira que en todos os proxectos na hora de xogo dirixido estarán presentes xogos de igualdade.

De todos os xeitos, realizaremos actividades específicas de corresponsabilidade e igualdade de xénero nas que os nenos e nenas reflexionarán sobre esta temática a través da experimentación de forma lúdica.

Unha vez por quincena A Miñoca ofrecerá diferentes retos culinarios nos que os nenos e nenas experimentarán con sabores, propostas saudables alternativas, texturas. Algún dos obradoiros que se levarán a cabo son:

Cociña con lácteos: Receitas de sobremesas saudables onde o fundamental é o leite.

Receitas saudables do mundo: Onde descubrirán novos sabores e combinacións.

Doces saudables: Alternativas aos doces típicos pero moito máis saudables.

Cociña contra o desperdicio: Enxeñosas ideas para dar unha segunda vida aos pratos

As técnicas de relaxación estanse a aplicar no eido da educación cuns resultados excelentes, non só para escolares, senón para o profesorado e a familia. Por este motivo, os nenos e nenas practicarán varias veces á semana Ioga Infantil, como se fose un contacontos onde os nenos e nenas van practicando posturas de ioga, ou Mindfulness que serve para adestrar o músculo da atención, como se fose outro músculo do corpo nun ximnasio. A través de diversas dinámicas adaptadas ao tempo libre, os nenos e nenas traballarán dimensións do seu corpo e mente: conciencia plena do seu corpo, imaxe e sensacións; expresión libre das emocións, acción reflexiva, desenvolvemento da empatía, crear un clima relaxado e de benestar colectivo.

Promoveranse os xogos de carácter non competitivo onde os nenos e nenas xogan cos demais non contra os demais, para superar desafíos ou obstáculos, buscan a participación de todos, dan importancia a metas colectivas e non a metas individuais, buscan a creación e suxestións de todos, desenvólvense as actitudes de empatía, cooperación, aprecio e comunicación, ademais da non discriminación ás persoas con dificultades.

Unha caixa pode ser unha fonte inesgotable de recursos para a nosa diversión. Cos ecoEnredos pretendemos mostrarlle aos nenos e nenas diferentes alternativas de xogos con recursos que temos nas nosas casas a través da reutilización de materiais. Construiremos xogos e xoguetes que teñan un compoñente temático medioambiental e cooperativo

10:00 a 10:30  
Asemblea de convivencia  
10:30 a 11:20
Actividade da programación I
11:20 a 11:50
Merenda e xogos de distensión
11:50 a 13:00
Actividade da programación II
13:00 a 13:50  
Actividade da programación III
13:50 a 14:00
Canción de despedida