Primeira quincena de agosto: “Non te pases, Miñoca!”

Nesta quincena incidirase na saúde e a necesidade de levar unha vida activa e unha alimentación variada sen exceder o consumo de azucres nin graxas. Nesta ocasión a Miñoca presentarase aos nenos e nenas cun grave problema de sobrepeso. Ao parecer, pasouse comprando e comendo sen medida, agora síntese mal e non consegue facer cousas que antes facía a diario porque se sinte cansa moi rápido.

Afondarase nos estilos de vida saudables e a necesidade de evitar o exceso de azucres e graxas na nosa dieta semanal. Ademais proporanse alternativas ás merendas habituais dos nenos e nenas elaborando eles mesmos unha proposta para a semana onde se evite o exceso de produtos con graxas trans, azucres e ultraprocesados.

Preguntaráselles aos nenos e nenas cales son as actividades que realizan habitualmente fóra do contorno escolar. Presentaráselles diferentes debuxos representando actividades diarias que poden facer os nenos e nenas e imos reflexionar sobre a necesidade de realizala a diario, semanalmente ou de vez en cando e os beneficios ou problemas que nos poden ocasionar. Estruturaremos estas accións nunha pirámide de hábitos saudables que na base terá as actividades diarias, no medio as semanais e no cumio as ocasionais.

Como continuación da dinámica da pirámide, os nenos e nenas elaborarán a súa propia proposta de actividades para realizar ao longo dunha semana tendo en conta se deben realizar as accións diariamente, semanalmente ou de cando en vez. Cada neno e nena levará a axenda saudable á casa de elaboración propia onde irá tachando cada vez que realiza a actividade. Ao final da semana reflexionaremos: foi complicado seguir a axenda? que sentistes? que cambiariades? cres que podería axudarvos a sentirvos mellor?

Os nenos e nenas traerán os envases dos produtos que se consumen diariamente no almorzo, xantar, merendas e ceas. Mirando a cantidade de azucre que aparece na etiqueta de valor nutricional, botaremos nun bote transparente esa cantidade especificada. Crearemos un mural do azucre no que cada produto terá ao seu lado o bote coa cantidade de azucre que contén organizando de maior a menor contido de azucre.

Por último teremos moi en conta tamén a influencia que a publicidade ten no consumo de alimentos nocivos e superprocesados. Na dinámica contrapublicidade vanse propoñer 3 anuncios de produtos alimenticios da televisión para ver. Reflexionaremos sobre eles: que están vendendo? que vedes nel? coñecedes o produto? probástelo? é certo todo o que din? viches algunha vez un anuncio deste tipo de froita natural? e de verdura da horta?; despois imos crear a nosa publicidade collendo un produto natural de forma aleatoria e deseñando unha publicidade similar á que vimos no inicio. As monitoras acompañarán aos nenos e nenas no proceso para guialos no proceso.

Nesta quincena presentarase en asemblea diferentes produtos para merendas que os nenos e nenas poderán probar: froitos secos, froitas, queixo fresco, atún, tomate, zume natural, chocolate puro… Despois de probalos compartirase co grupo cales son os que máis gustaron e por que. Logo, presentaremos o reto dos almorzos saudables tendo en conta unha serie de requisitos preestablecidos: debe conter o 25% da enerxía do día, hidratos procedentes de cereais, graxas saudables (aceite oliva e froitos secos), unha fonte de proteínas (lácteos, legumes, carnes ou peixes) e unha ou dúas racións de froita e/ou verdura. Ademais incluiremos, polo menos, un alimento na semana que nunca probaran, algún produto de produción ecolóxica ou local, tamén deberemos xerar o mínimo de residuo inorgánico no proceso. As monitoras guiarán aos nenos e nenas no proceso para recomendar produtos ou opcións válidas e apetecibles.

Os nenos e nenas visualizarán a curtametraxe animada ”Soño imposible?” dunha familia na que a corresponsabilidade no fogar non existe. Cando a nai da familia chega á cama comeza a ter o soño de que as tarefas do fogar son compartidas polo que teñen tempo para ir de viaxe, facer actividades, compartir momentos xuntos… Despois da visualización do vídeo, farase unha reflexión sobre o mesmo. E logo reflexionaremos sobre o que pasa nos nosos fogares. A través de fotos sobre tarefas do fogar, preguntaremos quen as realiza, vós de que tarefas vos encargades na casa? Que é o que máis vos gusta facer? Se todos colaboramos na casa, como cambiarían as cousas?

Recibirán a visita dunha persoa dedicada á apicultura, que explicará aos nenos e nenas os coidados necesarios das abellas para obter produtos que elas son capaces de elaborar e recoller (mel, propóleo, cera etc.) Tamén lles falará de como a apicultura é considerada un indicador ambiental, xa que as abellas non logran vivir en ambientes contaminados.

Fará especial fincapé na importancia das abellas no ciclo da vida xa que elas forman parte da primeira das fases: a polinización. Ademais diferenciará os tipos de abellas que existen nunha colmea, as súas funcións e de como se comunican.

Facendo coincidir coa celebración do 40 aniversario do Festival de Pardiñas, os nenos e nenas recibirán a visita dun músico que lles contará a súa aventura de como entrou no mundo da música, que sentido ten para el a música, etc e rematará tocando diferentes pezas musicais que nos farán vivir diferentes emocións que se compartirán entre todos.

Tendo en conta o valor da diversidade, celebraremos o Día Internacional das persoas zurdas organizando unha xincana especial na que os nenos e nenas terán que superar retos de psicomotricidade pero empregando o brazo ou perna contraria á que soen usar (é dicir, se é destro usará a esquerda e se é zurdo a dereita) Logo reflexionaremos sobre a experiencia, as dificultades e novas sensacións

Tamén teremos en conta a conmemoración do Día Internacional da Lactación Materna, recibiremos a vista de representantes da asociación Bico de Leite de Lugo dedicada a dar apoio ás mulleres que dan o peito aos seus fillos e fillas. Falarán da importancia nutricional de dar o peito de forma natural e a imaxe que os contos, os debuxos e os medios en xeral dan da lactación xa que nunca se ve reflectida dunha forma natural e normalizada.

Realizaremos unha saída para visitar o museo das formigas de José Ramón Rodríguez Iglesias no lugar de San Clodio de Outeiro de Rei. Este veciño, decidiu facer da súa aldea un lugar diferente e con atractivo turístico empregando materiais reutilizados e naturais (bidóns, plásticos de silo, árbores caídas…) para crear un pequeno roteiro a través dun mundo imaxinario no que as formigas xigantes son as protagonistas. A través deste percorrido os nenos e nenas poderán gozar dunha experiencia única para a súa imaxinación ao tempo que axitan a súa creatividade observando as utilidades de obxectos cotiás que desbotamos sen reparar noutras utilidades.