Primeira quincena de xullo: Sabes o que comes, Miñoca?

Para levar unha boa alimentación, un dos factores clave é coñecer os diferentes alimentos que existen así como as súas diferenzas e similitudes. Nesta primeira quincena a Miñoca contará aos nenos e nenas o lío que se fai cos alimentos.. pediralles axuda aos nenos e nenas para identificar as froitas, carnes, peixes… e poder así facer unha dieta máis equilibrada e variada.

En roda, na actividade “que alimento son?” os nenos e nenas deberán dicir o seu nome e un alimento co que se identifican, despois o compañeiro ou compañeira do lado deberá dicir o nome e o alimento dos anteriores a el ou e la e rematar co seu nome e alimento. Así seguirán ata rematar a roda. Despois elaborarán un colgante con elementos naturais no que porán o seu nome e debuxarán o alimento co que se identifican.

Coa roda dos alimentos os nenos e nenas, a partir de catálogos de produtos dos supermercados,  recortarán todo o que sexa alimentos. A continuación presentaremos un mural cunha versión adaptada da roda dos alimentos explicando cales son as características máis importantes de cada un dos tipos de alimentos que aparecen. Os nenos e nenas en pequeno grupo deberán tratar de separar os alimentos que recortaron nas diferentes clases que aparecen na roda de alimentos e pegalos. Reflexionaremos: por que cres que vai aí? en que se parece aos outros alimentos dese grupo? sabes como se chama ese alimento? a que saberá? gústache?

A continuación faremos a nosa propia versión da pirámide dos alimentos co semáforo dos alimentos falaremos da importancia de manter unha dieta equilibrada reflexionando sobre a clasificación feita na roda dos alimentos. Trataremos de identificar en gran grupo cal será a cantidade adecuada de consumo de cada un dos alimentos. Logo, no patio, marcaremos no chan un círculo verde, outro amarelo e outro vermello, entón botaranse diferentes alimentos en cada un dos círculos e, divididos en tres grupos, cada un deberá velar porque en cada círculo estean os alimentos que decidiron tendo en conta verde = consumo diario, amarelo = consumo semanal e vermello = consumo esporádico.

Levaremos a cabo un grande proxecto que vai ser a creación dun pequeno horto vertical usando botellas de plástico reutilizadas. Os nenos e nenas das diferentes quincenas deberán coidar o horto facendo rotacións para regar e observar a evolución de cada unha das plantas.

Ao mesmo tempo, esta quincena centrarémonos na observación do grupo participante promovendo a súa boa relación, creando sentimento de grupo e cohesión. Os nenos e nenas elaborarán unhas caixas de correo personalizadas usando o nome e o alimento escollido. Estas caixas, ás que chamaremos Cariñograma, servirán para enviarse correos entre os asistentes onde as únicas normas serán que só se poden enviar mensaxes positivas e non se poderán ler ata que haxa como mínimo unha mensaxe en cada caixa de correo.

Por outra banda, entendemos que para traballar valores de grupo primeiro temos que coñecer as características interpersoais para logo relacionarnos en base ás mesmas coas demais persoas e conseguir que esas relacións sexan o máis positivas e efectivas posibles.

Pretendemos que os nenos e nenas se sintan confortables no programa e dispostos a participar de maneira activa nas actividades propostas.

Coa intención de dar a coñecer os diferentes lugares singulares do concello, os nenos e nenas participarán nunha xincana de probas en pequenos grupos, a ruta guitiricense na que deberán visitar diferentes espazos do Concello de Guitiriz onde deberán superar unha proba para recibir un selo. O xogo remata cando todos os grupos superaron todos os retos propostos:

  • Os sete muíños: deberán pescar peixes no río (pescar aros)
  • Cova da serpe: adentrarse na cova (tubo)
  • Buriz: muxir unha vaca (encher os caldeiros apertando botellas de auga)
  • Reloxo solar: dar a hora (unidos polas mans xuntar as nosas sombras para unir un punto con outro)
  • Ruta da auga: limpar o río Forxá (crear un carreiro para que pase a auga dun lugar a outro)
  • O Vilariño (Casa de Díaz Castro): lectura de poemas (inventar unhas rimas)
  • Ponte de San Alberte: atravesar a ponte (transcorrer por unha ponte de obstáculos)

Teremos en conta a perspectiva da desigualdade salarial coa actividade “A fábrica de patronaxe” coa que indagaremos na brecha salarial entre homes e mulleres. Onde o grupo dividirase dous facendo distinción de sexo (nenos nun equipo e nenas noutro equipo) Unha monitora faise pasar por ser o xefe dunha fábrica de roupa e pídelles aos grupos que deseñen en papel continuo un modelo para rapaces e outro para rapazas, recortarano (corte), pegarano con celo (coser), tinguirano (pintar), etc. Ao remate da xornada o xefe daralles o soldo aos grupos: O grupo de nenos recibe máis “soldo” que o grupo de nenas. E aí comezará o debate: Por que pensan que cobra máis? Como traballaron os equipos? Parece xusta a decisión do xefe? etc. Reflexionaremos tamén polos modelos creados… por que se diferencian os modelos para rapaces e rapazas? que fixestes para diferencialos? por que?

En conmemoración do Día Internacional da bolsa de plástico, elaboraremos bolsas con papel de xornal como alternativa a estas bolsas tan contaminantes. Os nenos e nenas aprenderán a facer bolsas de diferentes tamaños e formas segundo as súas necesidades.

Recibiremos a visita da asociación ALUME de Guitiriz coa que organizaremos unha xornada de convivencia con xogos populares con esta asociación destinada á recuperación, integración social e a mellora da asistencia e da calidade de vida das persoas que padecen trastornos mentais e dos seus familiares.

Así mesmo, tamén faremos unha saída á Fábrica de envasado CLEA de Rábade. Nesta visita os nenos e nenas, que o ano pasado visitaron a explotación gandeira, poderán dar continuidade ao proceso de produción dos produtos lácteos nesta fábrica. Explicarannos os diferentes produtos cos que traballan.

Para pechar a quincena, para celebrar o Día Mundial do Rock en conmemoración do Festival Live Aid  no que se realizou un macro festival benéfico para recadar fondos para loitar contra a fame en Etiopía e Somalia no 1985, realizaremos o noso propio festival onde os nenos e nenas decidirán a que acción destinar os seus esforzos e, divididos en pequenos grupos de traballo, distribuiranse as tarefas para levar a cabo un festival á altura deste memorable acontecemento da historia da música.