Segunda quincena de agosto: “Mans á masa, Miñoca!”

A Miñoca volveuse viaxeira, colleu a súa mochila e marchou polo mundo adiante para coñecer outros países e culturas. Traerá aos nenos e nenas mostras de sabores e texturas típicas doutras culturas pero que aquí aínda non teñen moita acollida na nosa cociña tradicional. Ao mesmo tempo exporá a súa preocupación polo desperdicio alimentario, tanto nos restaurantes e supermercados coma nas casas.

Os nenos e nenas deberán viaxar ao espazo da súa imaxinación para crear, en pequenos grupos, un alimento do espazo exterior. Pensarán na súa cor, textura, sabores, usos, beneficios… A continuación representarano con pasta de sal para presentarllo aos seus compañeiros e compañeiras.

Realizarase unha pequena ruta nun contorno natural onde os nenos e nenas, en pequenos grupos, deberán enfrontase a retos nos que os sentidos e a natureza son a base no paseo dos sentidos: crear un mapa de sons, identificar sabores, buscar obxectos na natureza…

Así mesmo, traballarase o desperdicio alimentario como un problema importante da nosa sociedade actual que debemos erradicar. Rematarase realizando un obradoiro de cociña contra o desperdicio alimentario onde se prepararán pastas, croquetas saudables, arepas…

Farase unha actividade de concienciación medioambiental e denuncia. Os nenos e nenas elaborarán unhas árbores a grande escala empregando xornais reutilizados. Preténdese facer un xesto de cara aos bosques devastados para elaborar ese papel que logo acaba tirado en calquera lugar. Creando as nosas árbores de papel reutilizado, volvemos dar vida a estas árbores e pechamos o ciclo plantando a semente da esperanza para concienciar á sociedade da importancia da redución de consumo de papel e a súa reciclaxe ou reutilización. O bosque da esperanza será exposto ao público no campo da Feira onde os nenos e nenas lerán un comunicado medioambiental elaborado por eles.

Celebraremos a semana mundial da auga entendéndoa como un recurso limitado que debemos preservar a través da actividade un día sen auga no que os nenos e nenas deberán teatralizar situacións cotiás nas que non hai acceso á auga. Tamén como base da nosa alimentación así como da cociña coa visita dunha persoa que nos ensinará a elaborar pan caseiro con fariñas integrais. Contará aos nenos e nenas o importante que é a corresponsabilidade no fogar e o traballo en equipo. Ademais do fundamental que é o pan na historia da nosa sociedade: os muíños como símbolo de reunión e cooperación, as fornadas de pan da casa… Así como as diferentes fariñas que se poden empregar para facer pan e diferentes produtos: empanadas, pizzas, bolos, barras, roscas…

Faremos un obradoiro de xoguetes sen xénero con material de refugallo que non estarán marcados pola condición de xénero. Despois deixaremos que escollan libremente calquera xoguete e xoguen con eles. Reflexionaremos sobre os xoguetes: realmente hai xoguetes de xénero? que fai que un xoguete sexa de xénero?

Ademais nos ecoEnredos os nenos e nenas realizarán un Memory ambiental no que todos e todas colaborarán. Repartiranse dúas fichas de cartón a cada participante debuxará a mesma escena relacionada coa educación ambiental.

Para finalizar o programa farase unha convivencia con todas as familias nas que se lles pedirán que traian comida para facer un pícnic na área recreativa de San Xoán. Alí realizaranse actividades en familia, rutas e gozaremos da compaña de todos e todas as compañeiras de todas as quincenas do programa.