Segunda quincena de xullo: E ti, onde compras Miñoca?

Nesta quincena a Miñoca vai ter un grande problema xa que, como agora xa distingue os diferentes tipos de alimentos, fixo a súa lista da compra. Pero, cando saíu da súa casa deuse conta dunha cousa… non sabe onde comprar os produtos: o leite cómprase na zapatería?, a carne na peixería?, a froita na floristería? Menuda lea ten a Miñoca!!

Os nenos e nenas serán os encargados de axudar á Miñoca a comprar. Pero para isto precisan ter en conta a orixe dos produtos, os transportes, os produtos de tempada…

Coñecerán a orixe dos nosos alimentos a través da dinámica a viaxe dos alimentos onde seguiremos as pegadas dos envoltorios de alimentos de consumo habitual na casa que traian para identificar a súa procedencia poñendo adhesivos de cores a cada un deles: verde=España, amarelo=Unión Europea, vermello=Outros. Seguindo isto, co apoio dun mural no que aparece un mapa do mundo iremos imaxinando a historia de cada un dos produtos que temos e os transportes que puido usar ata chegar ás nosas mans.

Promocionaranse o consumo responsable a través do noso propio mercado local na dinámica Comprando no comercio local. Distribuirase nunha zona diferentes fotografías e rótulos como se dun pequeno barrio se tratase, e cada zona fose un comercio local e tradicional. En pequenos grupos, os nenos recibirán unha lista da compra e unha cesta. Deberán axustarse á súa lista da compra identificando onde se vende cada un dos produtos e as unidades que se piden na lista. Unha vez rematadas as compras reflexionamos: foi difícil identificar que tenda vende cada produto? cando vas á compra, visitas tendas diferentes ou vas ao supermercado e xa compras todo? que tendas coñecedes na vosa zona?

Completaremos a proposta coa adaptación da curtametraxe dous tomates e un destino, promovida por Veterinarios sen Fronteiras na que dous tomates, un de horta natural e outro transxénico se encontran nun supermercado e contan as súas diferentes historias de vida. Finalizarase a proposta gravando un LipDub “Todo Natural” apoiándonos na canción do grupo galego Mamá Cabra, na que se promocionan os alimentos naturais fronte aos procesados.

Con respecto á educación ambiental, realizarase unha xincana medioambiental no que nenos e nenas deberán superar diferentes retos para acabar cos perigos que ameazan aos diferentes medios: Aire, terra, mar e lume. Ademais, coa intención de reducir os nosos residuos, elaborarase unha bolsa para a merenda usando exclusivamente unha camiseta vella da casa sen necesidade de empregar fío, cola… a continuación cada quen daralle o seu toque especial pintando un debuxo. Pretendemos que empreguen esta bolsa no día a día do programa.

Facendo coincidir co Día Internacional do Can, unha persoa coidadora dunha mascota traerá a súa mascota ao programa para contarlles aos nenos e nenas como debemos coidar ás mascotas e os coidados e dedicación que requiren. Tamén concienciará ás nenas e nenos de que non se pode ter unha mascota por capricho, senón que é unha decisión moi importante que debe ser meditada porque logo non hai volta atrás. Falaralles do que supón abandonar a un animal que previamente foi criado na casa e os problemas psicolóxicos que arrastra un animal nestas situacións. 

Nesta quincena teremos a ocasión de recibir a visita dunha persoa representante da Liga galega de Fútbol Gaélico,  deporte en auxe que conta cunha liga feminina e masculina ademais de contar cun equipo mixto de exhibición. A persoa invitada explicará aos nenos e nenas en que consiste este deporte e a relación entre homes e mulleres no mesmo e fará unha exhibición con todos os participantes do programa.

Os nenos e nenas recibirán a visita dunha persoa propietaria dun local de hostalaría que recentemente acaba de instaurar un plan de redución de residuos plásticos. Explicarán aos nenos e nenas os numerosos residuos que xera unha actividade deste tipo, tanto orgánicos como inorgánicos, e as dificultades que se encontran ao decidir reducilos no día a día.

Nesta quincena os nenos e nenas farán unha visita ao lugar onde se celebra todos os anos o Feira dos callos e a cantería onde poderán ver a exposición das obras do certame.