Terceira quincena

Esta quincena será a máis musical de todas. Se a música xa vai estar presente habitualmente no Concilia Vacacións, nesta quincena cobra un papel moi especial. Os nenos e nenas buscarán os sons nos diferentes obxectos que nos rodean: botellas de plástico, chapas, area, paus… todo vale para facer música. Os nenos e nenas recibirán a visita dunha persoa percusionista para ensinarlles ritmos con obxectos comúns e o seu corpo.

Os nenos e nenas poderán poñer en práctica a súa arte cunha saída ao final da quincena na que emularán os “Cantos de taberna” tocando polas rúas do centro urbano.

Os instrumentos de refugallo levarán á nosa Miñoca a falar cos nenos e nenas da importancia de reducir os plásticos no planeta e a súa correcta reciclaxe. Aproveitaremos, así mesmo, a celebración do Festival de Pardiñas para gravar o documental “Alerta Guitiriz” tendo en conta a xestión que se fai cos residuos que se xeran no Festival e como poderiamos reducilos.

As principais actividades que podemos destacar nesta quincena son:

  • Que escoitas, Miñoca?
  • Instrumentos de refugallo
  • Cantos de taberna
  • A Terra enferma

Nesta quincena realizaremos as seguintes saídas:

  • Festival de Pardiñas e Santa Mariña
  • Ruta pedestre aos sete muíños
  • Ruta urbana, cantos de taberna