Escola de Verán 2018 Xullo

 

Primeira quincena de xullo: Canto lixo!! (Terra)

O noso eixe principal, inicialmente, será a toma de contacto co grupo participante, terá a fin de coñecerse, darse a coñecer ao grupo e crear sentimento de grupo. Así é como se iniciará cada quincena que se incorporen compañeiras e compañeiros novos.

Por outra banda, entendemos que para traballar valores de grupo primeiro temos que coñecer as características interpersoais para logo relacionarnos en base ás mesmas coas demais persoas e conseguir que esas relacións sexan o máis positivas e efectivas posibles.

Pretendemos que os nenos e nenas se sintan confortables no programa e dispostos a participar de maneira activa nas actividades propostas.

A presentación da temática da Escola de Verán será levada a cabo polos monitores e monitoras que representarán a diferentes habitantes do Planeta ou incluso animais que presentarán cada día un problema medioambiental e unha misión a desenvolver para conseguir solucionalo.

Nesta quincena centrarémonos sobre todo nos residuos e o problema que supón para a natureza. Intentaremos que os nenos e nenas sexan conscientes do volume de residuos que xeramos a diario e como podemos reducilo cuns hábitos conscientes e responsables.

Segunda quincena de xullo: Apaguemos os lumes!! (Lume)

Ao longo desta quincena continuaremos achegando aos nenos e nenas ao mundo natural dunha maneira crítica e respectuosa. Neste caso, poremos o foco no lume desde unha perspectiva tanto positiva como negativa. É dicir, que aporta o lume á natureza e tamén o problema cando o lume se descontrola e as súas consecuencias.

Os lumes son un dos principais problemas medioambientais que afectan ao noso Planeta, sobre todo no verán e no noso territorio en concreto. Facer conscientes aos pequenos e pequenas desta problemática é fundamental para evitar futuros incendios e catástrofes medioambientais.