ESCOLA DE VERÁN 2020

Cora, un  pequeno corazón curioso e inquedo, será a mascota que acompañe aos nenos e nenas neste verán. A escolla deste símbolo responde aos tres piares que describen esta programación: as emocións, a vida e o ritmo. Tamén a escolla desta icona vén representar a importancia dos nosos servizos públicos da saúde que, como se veu reflectido nestas últimas semanas, foron de vital relevancia para saír desta anómala situación. A campaña “Pinto un corazón verde” creada pola plataforma #PlanDeChoqueSocial, composta por varias organizacións entre as que destaca “Ecoloxistas en Acción”, usou un corazón verde para esixir unha sanidade pública, universal e de calidade.

O programa deste ano pretende centrarse en dotar á infancia das ferramentas socioemocionais para afrontar esta situación cunha actitude de respecto ás diferenzas, coeducativa, solidaria, saudable e consciente do seu papel na preservación do noso ecosistema para asegurar un futuro de benestar onde non se deixe a ninguén atrás. Baixo a premisa “coñecer para conservar” pretendemos que os nenos e nenas do programa entendan como funciona o seu contorno máis achegado: a sociedade, o agro, a economía…

PROPOSTA CENTRO DE INTERESE QUINCENAS:

  • 1º quincena xullo. Cora e a saúde: Centrarase na importancia de manter uns hábitos saudables tanto na nosa vida diaria como na alimentación
  • 2ª quincena de xullo. Cora e a diversidade: reflexionaremos sobre a importancia do respecto ás diferenzas para previr situacións de desigualdade e violencia
  • 1ª quincena de Agosto. Cora e a solidariedade: A solidariedade como resposta aos problemas e ás crises. A unión fainos máis fortes fronte ás ameazas.
  • 2ª quincena de Agosto. Cora e o Planeta: O Planeta está sufrindo. Debemos entender e preservar os ciclos naturais do noso Planeta para mellorar

ORGANIZACIÓN DIARIA

07:30 a 9:00Bos días
9:00 a 9:30 Entrada no programa  
9:30 a 10:00Asemblea de convivencia
10:00 a 11:50Actividade da programación I
11:50 a 12:20Merenda e xogos de distensión
12:20 a 13:00Actividade da programación II
13:00 a 13:50  Actividade da programación III  
13:50 a 14:50Servizo de comedor
14:00 a 14:30Recollida do programa primeiro grupo
14:50 a 15:30Xogos de distensión
15:30 a 16:00hRecollida do programa grupo comedor

Programas de conciliación como a Escola de Verán do Concello de Ames, teñen unha dobre responsabilidade. Por unha banda, cumprir un papel fundamental na sociedade dentro do marco da corresponsabilidade a través da conciliación laboral e familiar e, por outra banda, a función de asegurar o benestar da infancia a través do desenvolvemento integral por medio dun equipo de profesionais que contribúan á educación no tempo libre, hábitos saudables, pautas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia, coeducación, o coidado da natureza…

Debemos ter en conta que a infancia aprende máis desde o que ve ou imaxina que do que escoita. Os nenos e nenas, non son adultos en miniatura senón que teñen unha serie de características psicolóxicas, evolutivas e emocionais que debemos coñecer as persoas maiores para comprendelos e que poidan entendernos tamén a nós. Para isto, precisan ter acceso a información adecuada e adaptada.

Para dotar aos nenos e nenas de seguridade e ferramentas críticas nesta nova situación tan particular e inestable que estamos a vivir, manterase en todo momento unha actitude activa e en constante vixilancia ante calquera resposta emocional negativa no desenvolvemento das actividades. Temos que ter en conta que esta nova realidade obriga aos nenos e nenas a adaptarse de forma inminente a formas de relacionarse entre iguais que antes descoñecían, renovación de costumes, hábitos de hixiene e todo isto pode provocar momentos de tensión psicolóxica ou desacougo emocional que fagan complicado o seu día a día no programa. Por este motivo, o equipo do programa interesarase pola información que coñecen, as posibles dúbidas ou temores, así como informacións erróneas que recibiran. É moi importante aclarar calquera destas dúbidas e incluso, nalgún caso grave, trasladar esta preocupación á familia para que sexan conscientes do problema.

Cremos que é imprescindible habilitar aos nenos e nenas con competencias socioemocionais que lles axuden a enfrontarse a esta realidade tan complexa e confusa tanto para persoas adultas como para infancia. Promover o autocoñecemento, a autoestima, as relacións positivas entre iguais fará que a súa resposta emocional ante situacións adversas como a que estamos a vivir sexa máis positiva e axuden a previr comportamentos de risco.

Xogando coas emocións lograrán coñecerse mellor, distinguir o por que e como se senten, conseguindo autorregular os seus estados emocionais, que serán básicos para o seu benestar, socialización e a boa saúde física e mental para o resto da súa vida.

Buscaremos recuperar e cultivar, en todos os nenos e nenas, o amor innato pola vida como motor dunha Educación Ambiental que terá como obxectivo fomentar o respecto polo medio ambiente, a reciclaxe e o aforro enerxético. Poñer o coidado da vida e do planeta no centro debe ser prioritario na educación no tempo libre. Os nenos e nenas teñen necesidades vitais como o contacto humano, o movemento, o aire fresco, a vitamina D do sol, o xogo espontáneo etc. elementos dos que durante esta última época se afastaron pola alerta sanitaria. Debemos priorizar estes elementos a diario nos espazos de xogo, promovendo realizar actividades no exterior fronte aos espazos pechados.

Está comprobado que o xogo nos espazos naturais, mellora o estado de ánimo, reduce a tensión, calma a agresividade, reduce os conflitos e promove un sentimento de benestar xeneralizado, ademais de fortalecer o sistema inmunolóxico. Como asinantes do manifesto “A natureza como contexto saudable e necesario para a educación” (promovido pola asociación EDNA), cremos que a natureza é, polo tanto, un contexto beneficioso e seguro para a infancia e nestes momentos, máis ca nunca, os espazos naturais poden e deben construírse como contornos educativos complementarios ás tradicionais aulas.

No afán de buscar un cambio positivo nas persoas participantes do programa, traballarase coa Educación Musical entendéndoa como un medio e non como un fin en si mesmo. A música é capaz de producir efectos beneficiosos no noso sistema estimulando a creatividade, o pensamento, a linguaxe, a aprendizaxe e a memoria. Con este afán, dedicaremos a última quincena a traballar desde un punto de vista terapéutico a través de dinámicas divertidas e motivadoras para nenos e nenas.

Así mesmo, o sistema educativo tivo que enfrontarse de forma brusca a unha realidade patente de falta de competencia dixital do alumnado e o profesorado ao longo do período de confinamento. Esta competencia non só significa coñecer como funcionan as novas tecnoloxías, senón, e aínda máis importante, “saber ser” e “saber facer” dentro dos contornos dixitais. Por este motivo, trataranse de favorecer actitudes e valores adecuados que permitan adaptarse a esta nova necesidade desde unha perspectiva preventiva, coeducativa e cooperativa.

A Igualdade é outro dos eixos sobre os que xira este proxecto. Dotaremos aos nenos e nenas de ferramentas que lles permitan ter unha visión crítica cara aos estereotipos que se transmiten na sociedade e ofrecerlles recursos precisos para potenciar e apreciar uns valores e cultura non sexista e de prevención da violencia.

PASIÑO A PASIÑO CARA UN PLANETA SOLIDARIO

Non podemos eludir a influencia da COVID-19 no desenvolvemento do programa. Esta situación, aínda que non o queiramos, será a responsable de cambios a nivel organizativo, metodolóxico, relacións grupais, saídas… É importante enfrontarse a este reto dunha maneira creativa ofrecendo unha proposta atractiva e motivadora para a infancia participante.

Aínda así, preténdese facer fronte á situación con esperanza e recollendo de forma positiva todas as aprendizaxes que esta experiencia nos ofrece. Confrontaremos o medo coa curiosidade innata na infancia e superaremos a incerteza que estes cambios provocan  dotando á rapazada de ferramentas para transformala en oportunidades de aprendizaxe. A idea de que calquera circunstancia é boa para aprender e mellorar está no fondo da programación que a continuación se describe.

EDUCACIÓN EMOCIONAL

A parte cognitiva e a parte emocional teñen o mesmo grao de importancia (De Andrés 2005) e, fai especial fincapé na importancia de facelo desde idades temperás. Ser socialmente intelixentes axudará a desenvolver as súas competencias cognitivas e influirá de maneira directa na súa capacidade de relación coas demais persoas do seu contorno. Polo tanto dotaráselles de coñecementos e estratexias para que entendan e xestionen as emocións dunha forma óptima ao tempo que aprenden a respectar o estado emocional das outras persoas nun clima positivo e con suficientes recursos como para afrontar os conflitos que poidan xurdir.

Ao longo do programa traballarase dunha maneira progresiva desde a toma de conciencia das emocións ata intentar controlalas e respectar as emocións dos demais co obxectivo de acadar un benestar persoal e social. Preséntase agora os bloques nos que se dividirán cada unha destas achegas que, a pesar de que se trata dunha estrutura abstracta para tratar de clarificar os seus contidos, moitas das actividades propostas poden traballar diferentes aspectos dunha maneira transversal:

  • As miñas emocións (Conciencia das emocións): Adquirirán estratexias que lles axudarán a conectar, expresar e conducir as emocións en torno á súa persoal. O obxectivo principal é comprobar que coñecementos previos teñen sobre as emocións para dotar de capacidades que lles permitan identificar cada unha das emocións.
  • As emocións fálannos (Regulación das emocións): Identificarán as causas que provocan as diferentes emocións tratando de regular a súa reacción. Tratarán de xestionar as emocións de forma correcta axudándolles a expresalas libremente.
  • Eu podo transformar os meus pensamentos negativos (Autonomía emocional): Recoñecerán os estados emocionais negativos para intentar convertelos nunha enerxía construtiva. Preténdese que teñan autonomía para xestionar as súas propias emocións e que adquiran unha boa autoestima para lograr enfrontarse ás diferentes situacións emocionais que se encontrarán ao longo da súa vida.
  • Os demais tamén senten e se emocionan (As emocións dos demais): Fomentarase a adquisición de habilidades para interactuar co grupo para facer amizades, pedir favores, facer e aceptar cumpridos etc. Dotar da capacidade para manter relacións cos demais tomando consciencia do que se precisa para ter boas relacións sociais.
  • Somos un grupo (Benestar persoal e social): Traballaranse os valores básicos para a convivencia como a solidariedade, o respecto e a tolerancia para desenvolver o interese polo benestar social. Preténdese desenvolver o sentimento de pertenza a un grupo e axudar na busca do benestar persoal e grupal.

Todo o mundo pode ter as mesmas emocións

Baixo este lema, centraremos dinámicas con finalidade coeducativa e de fomento da igualdade de xénero. Non importa o xénero nin a túa orixe, todas as persoas senten e experimentan emocións por igual. Formularanse cuestións do tipo: os nenos e nenas teñen a mesma clase de sentimentos? E a infancia e as persoas adultas? Sente o mesmo unha persoa da India ca unha persoa de aquí?

Ademais, calquera xogo pode ser o escenario perfecto para practicar a igualdade, de maneira que na hora de xogo dirixido estarán presente sempre unha perspectiva coeducativa nas propostas.

COMPETENCIAS DIXITAIS

O uso das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC) desde a popularización da internet e a cultura dixital sofre un incremento imparable que vén de mudar a nosa sociedade. o acceso á información de forma colaborativa, as novas formas de comunicación, creación e ocio cada día está máis presente na nosa vida. A crise sanitaria veu demostrar a necesidade de traballar estas competencias dixitais dentro do ámbito educativo para evitar a fenda dixital que non faría máis que afondar na desigualdade e poñer trabas no acceso a esta nova realidade. Xa no 2012 Dolors Reig Henández chamaba “sociedade aumentada” á esta nova dimensión humana.

Como parte da nosa sociedade que é, vémonos na obriga de dotar á infancia de valores sólidos como a responsabilidade, a ética, a solidariedade, o respecto e a prudencia para que a súa relación nestes novos ámbitos de relación. Debemos actualizar estes conceptos adaptándoos ao presente dixital e á linguaxe que empregan os menores para evitar deixar que se enfronten en solitario a esta revolución social.

Ao longo das propostas de actividades propostas buscaremos os seguintes obxectivos:

  • Coñecer e respectar a diversidade
  • Tomar conciencia positiva da nosa identidade
  • Mellorar a autoestima
  • Identificar, mediar e resolver conflitos
  • Desenvolver o pensamento crítico e creativo
  • Cooperar con outras persoas de forma respectuosa
  • Coñecer e empregar as novas tecnoloxías de forma segura
  • Identificar as necesidades reais de cada un dos nenos e nenas
  • Establecer valores positivos no emprego das TIC

A SAÚDE FÍSICA E EMOCIONAL

Completarase a proposta programática co fomento de hábitos saudables e a boa alimentación onde as actividades de Mindfulness e Ioga infantil cobrarán unha forte relevancia. A través de dinámicas adaptadas ao tempo libre, os nenos e nenas traballarán dimensións do seu corpo e mente: conciencia plena do seu corpo, imaxe e sensacións; expresión libre das emocións, acción reflexiva, desenvolvemento da empatía, creación dun clima axeitado e relaxado promovendo o benestar colectivo.

Promoveranse os xogos de carácter non competitivo onde os nenos e nenas xogarán cos demais non contra os demais, para superar desafíos ou obstáculos, buscando a participación de todas as persoas, dando importancia a metas colectivas fronte ás individuais, buscando a creación e suxestións de todos os participantes, desenvolvendo actitudes empáticas, cooperativas, de aprecio e comunicación, ademais da non discriminación das persoas con dificultades.

Tamén se abordará a atención ás diferenzas a través dos Xesticontos, contos musicais da colección “Do berce á lúa” da editorial Kalandraka en Lingua de Signos Española (LSE). Trátase de pequenos contos con elementos moi sinxelos nos que os nenos e nenas participarán de forma activa mentres que se interiorizan conceptos básicos da LSE.

Principalmente, dentro das propostas de xogos en grande grupo, empregaranse xogos nos que se poida traballar a psicomotricidade e a actividade física pero que respecten as recomendacións das autoridades en canto ao distanciamento e o contacto. A este grupo de actividades chamarémolas Actividades de Exteriores na programación e terán sempre en conta estas recomendacións na súa posta en marcha.

RUTAS E XOGOS EN ESPAZOS NATURAIS

Finalmente, ante a imposibilidade de poder desenvolver a actividade de piscina, ofrécense como alternativa pequenas rutas e xogos en espazos naturais.