Presentación Verán 2017 – Xullo

OS VIAXEIROS DO TEMPO

Tomando como referencia a publicación de banda deseñada do 1988 editado por Xuntanza Editorial co mesmo nome, iniciamos unha viaxe polo tempo pasado a través dos Celtas e Romanos. Nesta obra un rapaz da prehistoria atopaba a uns misteriosos viaxeiros temporais que proviñan do século XIX para indagar nas súas raíces. Esta historia sérvenos de punto de partida para facer entender os nenos e nenas a importancia das nosas raíces na configuración da nosa personalidade, costumes e tradicións actuais e seremos coñecidos como “OS VIAXEIROS E VIAXEIRAS NO TEMPO

ESCOLA DE VERÁN XULLO

Dividimos as quincenas buscando diferentes puntos de interese:

1ª quincena xullo: OS CELTAS, AS COMUNIDADES E TRADICIÓNS
2ª quincena xullo: OS ROMANOS: AS CIVILIZACIÓNS, O XOGO E OS ESPECTÁCULOS

Presentarase cada cultura a través de diferentes personaxes que nos contarán como se vivía nesa época, a importancia de convivir en grupo, o rol da muller…

Así, ao mesmo tempo, traballarase a través de diferentes dinámicas a identidade de grupo, a personalidade, a aceptación de diferenzas (tolerancia), a comunicación, a cooperación, a resolución de conflitos e a expresión emocional positiva.

Para isto poñeremos en práctica técnicas e levaremos a cabo obradoiros e xogos que nos permitan dotar aos nenos e nenas de ferramentas e habilidades que lles permitan:

• Responder creativamente ante os conflitos
• Expresar os sentimentos e emocións dun xeito pacífico e non destrutivo.
• Exercer o autocontrol
• Etc.

PRIMEIRA QUINCENA DE XULLO:

OS CELTAS, AS COMUNIDADES E TRADICIÓNS

DINÁMICAS CONVIVENCIA EN GRUPO

Os celtas foron o primeiro pobo que deixa atrás a vida itinerante que seguían os pobos anteriores e establécense en poboados. Esta transformación implica cambios nas formas de organización social e o poboado celta destaca pola súa unidade e polo sentimento de pertenza a un grupo. A partir  de aquí, afondaremos cos Barbanzóns na importancia da convivencia  en grupo.

Traballarase cos nenos e nenas técnicas e dinámicas que fomenten unha convivencia sans, de cara ao establecemento e consolidación do sentimento de pertenza ao grupo.

IGUALDADE DE XÉNERO

Para abordar a igualdade de xénero ao longo destes proxecto relacionarase a tendencia actual do rol da muller co papel que exercía na cultura celta. Nela a muller participaba activamente no bo funcionamento do seu clan polo que se podería afirmar que as mulleres celtas posuían os mesmos dereitos, privilexios, obrigacións e responsabilidades que os homes; eran consideradas compañeiras en igualdade de condicións. Participaban activamente na guerra, sendo imprescindibles pola súa intuición e sentido común. Houbo mulleres sabias, médicas, lexisladoras, mulleres druídas e poetisas, o cal implica que naquel tempo non había nada inusitado en que as mulleres ocuparan estas posicións dentro da sociedade. Estas actividades continuaranse na segunda quincena de xullo.

INTELIXENCIA EMOCIONAL

Traballaranse as emocións durante todo o mes desde as actitudes emocionais positivas permitindo que aflore a sensibilidade dos nenos e nenas en todos os sentidos a través de dinámicas, como por exemplo:

“A caixa das boas noticias” .- Os nenos e nenas de educación primaria collerán un bote ou caixa e vana decorar e identificar co seu nome ou marcas identificativas. Nesta caixa imos meter a diario todas aquelas cousas positivas que nos ocorran a diario: un novo amigo ou amiga, unha boa acción, recibir o recoñecemento dos outros… desta maneira, cando nos encontremos baixos e desanimados poderemos acudir a esta caixa para mellorar o noso estado anímico.

“A caixa das emocións” .- Para infantil esta actividade estará adaptada ás súas idades de maneira que dentro da casa contaremos con adhesivos con caras expresando diferentes emocións: alegría, tristeza, medo, rabia, sorpresa, vergoña… Na primeira sesión desta dinámica explicaremos aos nenos e nenas as diferentes expresións a través de situacións onde eles poden aportar situacións da súa vida onde sentiron esta emoción. Entón cada día, durante a asemblea do día, dedicaremos un espazo para que os nenos poidan buscar a expresión que máis se achegue á súa sensación e explicar aos seus compañeiros e compañeiras o motivo desta emoción. No caso de conflitos tamén pode ser empregado para axudar a identificar o problema e dar solucións.

Algunhas actividades temáticas a destacar serán:

CONTACONTOS
CALENDARIO CELTA XIGANTE
MAQUETA DO CASTRO 3D
QUIZ – GAME AMES

 

SEGUNDA QUINCENA DE XULLO:

OS ROMANOS, AS CIVILIZACIÓNS, O XOGO E OS ESPECTÁCULOS

Tradicionalmente, cando nos aproximamos a un momento histórico, facémolo a través dos seus personaxes e feitos destacados. Pero isto non sempre nos aporta unha visión moi ampla da realidade destas persoas, privándonos de detalles concretos que consideramos menos importantes. No entanto, estes detalles son precisamente os que fundamentan calquera sociedade. Se temos en conta en que pasaban a maior parte do seu tempo estas persoas dámonos conta de que temos máis  semellanzas das que parece con eles.

Os Romanos eran un pobo que xogaba. Na casa, na rúa, no foro e incluso indo de viaxe, os dados, as chucas e os taboleiros de xogo eran compañeiros habituais de xente de toda condición.

As condicións do clima mediterráneo permitían xogar ao aire libre nas rúas e prazas e incluso nos patios interiores das casas. Moitos dos xogos romanos continúan vixentes hoxe en día con algunhas variantes.

As nenas e os nenos Romanos xogaban a construír casas na area, coas bonecas, a montar a cabalo sobre un pau, a ser gladiadores, soldados ou emperadores.

Dentro das actividades temáticas que levaremos a cabo destaca:

MOSAICO ROMANO: OS ATLETAS DE AMES
ROMANIZACIÓN DO CASTRO 3D
OBRA DE TEATRO ROMANO
CIRCO ROMANO

 

Durante as dúas quincenas levaranse a cabo as seguintes bloques de actividades, ademais das actividades e dinámicas arredor do centro de interese, tendo en conta que moitas destas actividades tiveron éxito neste verán pasado:

Xogos de presentación

Diverciencia

Speak&Play Multilingüe

Actividade de Igualdade de Xénero

Animación á lectura

Dinámicas de expresión das emocións

Xogos cooperativos

Xogos populares

Xogos na natureza

Piscina