Aplicacións para un futuro mellor

Esta semana recibimos resposta de Robotín! Agradeceunos a nosa axuda cos inventos do revés, respondeu as nosas preguntas e encargounos unha nova misión: crear aplicacións para solucionar problemas do mundo. 

Os nenos e as nenas pensaron na contaminación, na fame no mundo e no malgasto da auga, para o que crearon “planeta limpísimo”, “reparte-comida” e “fontes baixas”. A primeira para detectar residuos, outra para pedir comida e mandala ao país que queiramos axudar e a última para detectar lugares nos que se está a malgastar a auga, todas elas con moitas funcións máis!

E mentres esperamos nova resposta de Robotín, non paramos: compartimos momentos de xogo, fixemos a escenografía para un contacontos, practicamos ioga co robocán, creamos unha canción acompañados e acompañadas da guitarra e incluímos a nova carta no noso mural. Cal será a próxima misión que nos traerá Robotín?

 

Comments are closed.