Despois de todas as experiencias vividas neste último ano, na Escola de Educación Infantil do Milladoiro tivemos a sorte de poder volver ao servizo de Tardes Divertidas.
Ao longo deste curso 2020-2021, a nosa programación irá directamente relacionada cos elementos da natureza. Deste xeito, traballaremos en relación directa coa auga, o aire, a terra e o lume. Durante o primeiro trimestre tivemos a oportunidade de traballar a auga como elemento guía das diferentes actividades que realizamos (ioga, diverciencia, musicoterapia, igualdade, ecoloxía, batedor de linguas, animación á lectura, creatividade, psicomotricidade, etc.).
En relación ao primeiro elemento co que traballamos durante o primeiro trimestre (a auga), gustaríanos reflectir aquí unha actividade de diverciencia que bautizamos co nome de “O globo submariño”.
Para realizar este experimento, precisamos;
- 1 botella con auga.
- 3 globos.
- 1 porqueta.
O primeiro que debemos facer é encher a botella con auga. A continuación, debemos coller os 3 globos e pasalos polo oco da porqueta de un en un. Unha vez feito isto, procederemos a introducir o noso globo submarino na botella con auga. Se todo vai ben, o noso submarino permanecerá a flote realizando traballos de vixilancia no exterior.
Pero, quen non quere ver o fondo do mar? Aquí ven a ciencia! Se collemos a botella pola parte inferior e apertamos con forza, imos ir comprobando como o noso submarino descende ao fondo do océano.
É un experimento sinxelo, así que o persoal de Tardes Divertidas recomendávolo se queredes pasar un momento divertido nas vosas casas, xa que aos nenos gustoulles moito.