Emociónate – Tardes Divertidas 17/18

 

O proxecto que presentamos que leva por nome “O mundo ao revés: Xogando a Vivir” abrangue os cursos 2017/18 e 2018/19. Centrarase na Educación Emocional durante o primeiro curso e na Educación para a Convivencia a través das novas tecnoloxías no seguinte.

Centramos a nosa programación temática nestes dous eixos porque:

  • As competencias socioemocionais son un aspecto imprescindible no desenvolvemento das nenas e nenos e de preparación para a vida.
  • Os medios de comunicación e as novas tecnoloxías transmiten contidos cunha elevada carga emocional, que os nenos e nenos deben aprender a procesar.
  • É necesario aprender a regular as emocións negativas para previr comportamentos de risco.
  • As nenas e nenos precisan aprender estratexias para enfrontarse a situacións adversas que poidan xurdir nas súas vidas, con unha maior posibilidade de éxito.
  • Promover o autocoñecemento, a autoestima, as relacións positivas entre iguais favorecen o benestar, isto potencia a motivación e a aprendizaxe.

A igualdade é outro dos eixos sobre os que xira o noso proxecto. Dotaremos aos nenos e nenas de ferramentas que lles permitan ter unha visión crítica cara os estereotipos que se transmiten na sociedade e ofrecerlles os recursos precisos para potenciar e apreciar uns valores e unha cultura non sexista.

No primeiro curso baixo o título “Emociónate” adentarémonos no mundo das emocións. Traballando as emocións aprenderán a coñecerse mellor, a distinguir o por que e como se senten, desta forma aprenderán autoregular os seus estados emocionais, básico para o seu benestar e bo funcionamento ao longo de toda a vida.

Programación Temporal de Contidos

A duración de cada un destes bloques temáticos será de aproximadamente dous meses segundo o funcionamento do grupo, necesidades específicas, circunstancias anómalas…

  • CONCIENCIA DAS EMOCIÓNS: Preténdese comprobar que coñecementos previos teñen sobre as emocións cada nena e neno, para dotarlle das capacidades que lles permitan realizar a identificación de cada emoción que experimenten nas diferentes situacións que vivan.
  • REGULACIÓN DAS EMOCIÓNS: Ofreceranse diferentes estratexias que axuden a expresar libremente as emocións xestionándoas de maneira correcta.
  • AUTONOMÍA EMOCIONAL: Preténdese que os nenos e nenas se fagan autónomos para xestionar as súas propias emocións e que adquiran unha autoestima positiva que lles axude a afrontar diferentes situacións emocionais que se atoparán ao longo da súa vida.
  • AS EMOCIÓNS DOS DEMAIS: Preténdese que os nenos e nenas teñan a capacidade para manter relacións cos demais polo que se lles ofrecerán recursos e, tomarase consciencia do que precisamos para ter boas relacións.
  • O BENESTAR PERSOAL E SOCIAL: Preténdese axudar aos nenos e nenas a ter boas relacións sociais, a ter sentimentos de presenza nun grupo e atopar o benestar de forma individual e grupal.

 

Propostas transversais

Ademáis da programación principal, o servizo complementarase con outras propostas transversais:

  • RECUNCHOS EDUCATIVOS: Como parte da atención ás diferenzas, intereses e ritmos de aprendizaxe de cada neno ou nena en determinadas actividades ou momentos do día os monitores e monitoras promoverán o traballo por recunchos. Delimitaranse neste caso os espazos de traballo claros con materiais e normas específicas no que os nenos e nenas poderán escoller libremente.
  • APOIO ÁS TAREFAS EDUCATIVAS: Debido á finalidade conciliadora do servizo, moitos dos nenos e nenas que acoden ao mesmo, non poden facer os deberes na súa casa xa que chegan nun horario no que deben comezar a prepararse para o día seguinte e reencontrarse coa súa familia. 
  • MINDFULNESS (ATENCIÓN PLENA): Axudaremos aos nenos e nenas a xerar estratexias para afrontar eficazmente os seus medos e ansiedades que á súa vez nos servirá para afianzar os vínculos afectivos entre os membros do grupo. 
  • DIVERCIENCIA: O obxectivo desta actividade é espertar a curiosidade nos nenos e nenas dunha forma divertida a través dos experimentos con elementos do seu contorno: auga, aceite, sal, vinagre…
  • MUSICOTERAPIA: Neste proxecto concibimos a musicoterapia como unha actividade que  utiliza os efectos beneficiosos da música para potenciar o desenvolvemento das  habilidades físicas e mentais.
  • BATEDOR DE LINGUAS: Utilizaremos dinámicas onde os nenos e nenas se divertirán mantendo contacto con outros idiomas e culturas do territorio español e estranxeiro dunha forma natural  e espontánea.
  • EXPRESIÓN A TRAVÉS DO MOVEMENTO: Actividade encamiñadas a promover o exercicio físico nos nenos e nenas coa finalidade de desenvolver as súas destrezas motrices.