Enredad@s – Tardes Divertidas 18/19

 

 

 

 

Enredad@s

O uso das novas tecnoloxías da información  e comunicación (TIC) desde a popularización da internet e a cultura dixital sofre un incremento imparable que vén de mudar a nosa sociedade. O acceso á información de forma colaborativa, ás novas formas de comunicación, creación e ocio cada día está máis presente na nosa vida. Como non podía ser doutra maneira a comunidade educativa non está allea a esta revolución social e cada vez máis as nosas aulas énchense de dispositivos como tabletas, computadoras, pizarras dixitais… o que obriga os nenos e nenas a ter unha serie de competencias dixitais para non sentirse fóra desta nova “sociedade aumentada” Dolors Reig Hernández (2012).

A fenda dixital que separa aos nenos e nenas que actualmente fan un uso habitual das TIC respecto das xeracións anteriores fai que se considere a estes novos usuarios e usuarias da tecnoloxía como “orfos dixitais”. Isto significa que aprenderon a manexarse nas novas tecnoloxías pola súa propia conta, xa que non puideron contar coas recomendacións e consellos do seu contorno familiar por encontrase, no mellor dos casos, no mesmo punto de aprendizaxe.

No entanto, se baseamos a nosa educación en valores sólidos como a responsabilidade, a ética, a solidaridade, o respecto e a prudencia podemos ter por seguro que a súa forma de relacionarse nestes novos medios será a correcta a pesar de non poder asesorar no emprego destas novas tecnoloxías.

No desenvolvemento desta programación imos perseguir os seguintes obxectivos específicos:

  • Coñecer e respectar a diversidade
  • Tomar conciencia positiva da nosa identidade
  • Mellorar a autoestima
  • Identificar, mediar e resolver conflitos
  • Desenvolver o pensamento crítico e creativo
  • Cooperar cos demais de forma respectuosa
  • Coñecer e utilizar as novas tecnoloxías de forma segura
  • Identificar as necesidades reais de cada un dos nenos e nenas
  • Establecer valores no emprego das TIC

BLOQUES TEMÁTICOS

  TEMÁTICAS

SETEMBRO

AS MÁSCARAS

DOS SÚPER

PODERES

OUTUBRO
NOVEMBRO QUEN SON?

O MAPA DA

DIVERSIDADE

DECEMBRO
XANEIRO TRIBOS URBANAS
FEBREIRO
MARZO TECNO-

INVENTOS

ABRIL
MAIO

CREAMOS O NOSO ROBOT

XUÑO

 

AS MÁSCARAS DOS SÚPER PODERES (SETEMBRO/OUTUBRO)

Ao longo deste primeiro bloque temático centrarémonos nos estereotipos e as dimensións públicas e privadas da nosa identidade. Os nenos e nenas tamén identificarán as súas necesidades reais para fomentar unha cultura crítica e madura ante a exposición ao consumismo compulsivo das redes. A través destas dinámicas trataremos de protexer aos nenos e nenas dos principais perigos que existen nos medios dixitais: o ciberacoso, o individualismo e o consumismo incontrolado.

  • Elaboramos a nosa máscara
  • Un heroe/heroína precisa…
  • As virtudes da máscara
  • A nosa rede social Gustos por mímica
  • etc.

QUEN SON? O MAPA DA DIVERSIDADE (NOVEMBRO/DECEMBRO)

Neste segundo bloque temático centrarémonos en fomentar un espírito de respecto á diversidade e prevención da violencia. Buscamos concienciar aos nenos e nenas da diversidade que nos rodea nos nosos contornos máis próximos (amigos e amigas, familiares, veciños e veciñas..)

  • Investigamos as nosas raíces Elaboramos o mapa da diversidade
  • Adiviña como son…
  • Contos tecnolóxicos
  • Os lentes de cores: Diferentes puntos de vista
  • etc.

TRIBOS URBANAS (XANEIRO/FEBREIRO)

Unha das aptitudes fundamentais para o desenvolvemento autónomo dos nenos e nenas é a súa capacidade de resolución de conflitos. Para que os nenos e nenas poidan defender os seus intereses dunha maneira pacífica e conciliadora precisan ter ferramentas adecuadas e experimentar en múltiples situacións para conseguir unha aprendizaxe significativa. Propoñemos unha serie de actividades nas que os nenos e nenas terán que enfrontarse a diversas situacións nas que deberán chegar a un consenso cos seus compañeiros e compañeiras para desenvolver de maneira natural estas capacidades.

  • Somos unha tribo
  • Creación de maquetas tribos Teño un problema, axúdasme?
  • O crebacabezas cooperativo
  • Spot para a paz
  • Resposta activa, pasiva e asertiva
  • etc.

TECNOINVENTOS (MARZO/ABRIL)

O obxectivo deste bloque temático é potenciar a creación de solucións creativas a problemas comúns. Os monitores e monitoras presentarán unha serie de escenas próximas ao día a día dos nenos e nenas: unha tarde na praia, unha familia comendo na casa, un parque, un centro de saúde.. Os nenos e nenas dividiranse en pequenos grupos e recibirán unha misión: construíde un instrumento musical, inventade unha ferramenta, inventade un deporte…  Os nenos e nenas deberán debuxar, empregando obxectos que hai na escena presentada, o que se lles pide dándolle un nome ao obxecto resultante e explicando aos seus compañeiros e compañeiras o seu funcionamento. Os “TECNOINVENTOS” resultantes formarán parte dun gran mural.

  • Tecnoinventos
  • Xincana Coeducativa da ciencia
  • Un chío, unha historia
  • Unha app para cambiar o mundo
  • Inventos do revés
  • etc.

CREAMOS O NOSO ROBOT (MAIO/XUÑO)

A forma de relacionarse os nenos e nenas coas novas tecnoloxías debe cambiar de ser consumidores e consumidoras a ter a capacidade de crear contidos. Para isto, non só deben saber como comunicarse coas novas tecnoloxías, senón que é imprescindible que saiban aplicar os seus coñecementos á planificación ou resolución de calquera tarefa complexa do seu ámbito diario. O “pensamento computacional” é a capacidade que nos permite transformar os nosos coñecementos lóxico-matemáticos en solucións a problemas reais. Coa nosa proposta pretendemos facer un achegamento á robótica educativa e o pensamento computacional como unha ferramenta útil para o desenvolvemento do traballo en equipo e a solución de problemas.

  • Deseño dun robot
  • Carreira cooperativa de robots
  • Emotipelis
  • Deseña o teu modelo
  • A nosa linguaxe secreta
  • etc.

 

Propostas transversais

Ademáis da programación principal, o servizo complementarase con outras propostas transversais:

  • RECUNCHOS EDUCATIVOS: Como parte da atención ás diferenzas, intereses e ritmos de aprendizaxe de cada neno ou nena en determinadas actividades ou momentos do día os monitores e monitoras promoverán o traballo por recunchos. Delimitaranse neste caso os espazos de traballo claros con materiais e normas específicas no que os nenos e nenas poderán escoller libremente.
  • APOIO ÁS TAREFAS EDUCATIVAS: Debido á finalidade conciliadora do servizo, moitos dos nenos e nenas que acoden ao mesmo, non poden facer os deberes na súa casa xa que chegan nun horario no que deben comezar a prepararse para o día seguinte e reencontrarse coa súa familia. 
  • MINDFULNESS (ATENCIÓN PLENA): Axudaremos aos nenos e nenas a xerar estratexias para afrontar eficazmente os seus medos e ansiedades que á súa vez nos servirá para afianzar os vínculos afectivos entre os membros do grupo. 
  • DIVERCIENCIA: O obxectivo desta actividade é espertar a curiosidade nos nenos e nenas dunha forma divertida a través dos experimentos con elementos do seu contorno: auga, aceite, sal, vinagre…
  • MUSICOTERAPIA: Neste proxecto concibimos a musicoterapia como unha actividade que  utiliza os efectos beneficiosos da música para potenciar o desenvolvemento das  habilidades físicas e mentais.
  • BATEDOR DE LINGUAS: Utilizaremos dinámicas onde os nenos e nenas se divertirán mantendo contacto con outros idiomas e culturas do territorio español e estranxeiro dunha forma natural  e espontánea.
  • EXPRESIÓN A TRAVÉS DO MOVEMENTO: Actividade encamiñadas a promover o exercicio físico nos nenos e nenas coa finalidade de desenvolver as súas destrezas motrices.