“SE TES A PACIENCIA DA TERRA, A PUREZA DA AUGA, A FORZA DO LUME E A XUSTIZA DO AIRE, ENTÓN ES LIBRE”
É indubidable que estamos ante un momento crucial e de maior relevancia dos últimos tempos. Desde que se anunciou o primeiro caso de contaxio pola COVID-19 en China o pasado decembro de 2019, a sociedade ignoraba o cambio que isto ía supoñer nas relacións intercomunitarias, a economía, a educación etc. Asistimos a un momento sen precedentes na nosa historia recente ao cal podemos responder con resignación e pasividade ou tratar de ler entre liñas a mensaxe que a propia natureza trata de enviarnos.
Dende fai décadas o crecemento dun país mídese polo PIB, obviando que o crecemento está xerando problemas de saúde e causando graves danos ao ecosistema (ansiedade, obesidade, desigualdade, cambio climático, etc…)
A Covid-19 non fixo máis que demostrar que se poden adoptar decisións drásticas a favor do ben común. No caso de Galicia, non levar a cabo esta transformación suporía asumir consecuencias catastróficas para o noso medio natural, e principal fonte de riqueza do país, nun breve espazo de tempo.
É dende a segunda das perspectivas nas que nos imos situar; co cal imos xogar cos catro elementos naturais dende o respecto, o cariño e a vinculación coa natureza. A perspectiva é crear unha mensaxe POSITIVA, na que o autocoidado e o coidado grupal é primordial, e vinculámolo co coidado da natureza porque nós non é que formemos parte dela; senón que SOMOS NATUREZA.
Principios
Na proposta deste ano marcaremos unhas pautas xerais:
- Uso preferente de espazos ao aire libre, ou en lugares con boa ventilación para o desenvolvemento das actividades.
- Intentarase na medida do posible, priaorizar actividades de movemento físico.
- Promover unha perspectiva lúdica das normas de hixiene e de seguridade.
- Favorecer o autocoñecemento e a boa xestión das emocións a través de xogos de dinámicas.
OS CATRO ELEMENTOS
Os elementos que podemos encontrar no contorno natural servirannos de fío temático para explorar e viaxar a través das diversas propostas. A distribución temática será:
NOV/DEC | XAN/FEB | MAR/ABR | MAI/XUÑO |
AUGA | AIRE | TERRA | LUME |